CRÓNICA | Victoria agónica e de prestixio (3-2)

CRÓNICA | Victoria agónica e de prestixio (3-2)

Gran triunfo (3-2) do Deportivo Liceo ante o FC Porto, que visitaba o Pazo dos Deportes de Riazor para axudar a continuar cunha pretempada tan atípica como ilusionante,

Enfrontábanse dous vellos coñecidos, tanto que xa se viran as caras en terras lusas o pasado 30 de agosto. Ambas escadras caeron nunha igualdade lóxica, pero foi o Deportivo Liceo o que golpeou primeiro no marcador. Dava Torres, o capitán, puxo por diante ós de Juan Copa tras rematar unha excelente asistencia de Franco Platero. Pouco despois, Maxi Oruste superaría ó exliceísta Xavi Malián para dobrar a vantaxe dos verdes. O potente inicio do Porto no recente amigable do país veciño parecía quedar totalmente replicado por este golpe na mesa do Liceo.

Foi capaz de continuar esta boa imaxe o equipo coruñés, con diversos achegamentos que ben puideron rematar nun terceiro gol, pero unha pena máxima anotada por Gonçalo Alves puxo o 2-1 e a emoción para os compases finais da primeira metade.

Esta emoción e nova igualdade puideron deterse a través de Dava Torres, pero Malián logrou anular un penalti astuto do capitán liceísta, que buscou colar a bola entre as súas pernas. Era o posible 3-1, pero o que chegou foi o 2-2. Gonçalo Alves, que xa transformara unha pena máxima minutos atrás, continuou co seu 100% de efectividade para equilibrar o partido instantes antes do descanso.

Un Liceo rocoso

O Deportivo Liceo estaba decidido a seguir mirando aos ollos ó Porto. César Carballeira e Jordi Adroher avisaron novamente ós branquiazuis cunha dobre oportunidade, pero Malián estivo inmenso. Tanto como Carles Grau, que tamén detivo un potentísimo lanzamento dos lusos pouco antes de anular un man a man de Giulio Cocco. Na pista instaurouse a definición de “intercambio de golpes”.

Puido colocar Jordi Adroher o 3-2 nun lanzamento directo, pero o máis que mencionado Malián erixiuse de novo como salvador para impedir o posible segundo gol do catalán como liceísta. Tamén a tivo o FC Porto na mesma disciplina, pero o dobremente anotador Alves non estivo afortunado. Unha segunda metade igualada caeu da man do Liceo cando César Carballeira, a segundos do final do partido, estableceu a victoria para os de Juan Copa.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Jordi Adroher, Dava Torres (cinco inicial). Tamén xogaron Roby Di Benedetto, Maxi Oruste e Marc Grau.

FC PORTO: Xavi Malián, Reinaldo, Rafa, Poka, Gonçalo Alves (cinco inicial). Tamén xogaron Mena, José Costa, José Gonçalves e Giulio Cocco.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 8). 2-0 (Maxi Oruste, min. 12). 2-1 (Gonçalo Alves p., min. 19). 2-2 (Gonçalo Alves p., min. 24). 3-2 (César Carballeira, min. 49).

INCIDENCIAS: Partido amigable disputado no Pazo dos Deportes de Riazor entre o Deportivo Liceo e o FC Porto. Sen espectadores.

Deja un comentario