Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
A OK Bronce continúa o seu camiño e o filial do Deportivo Liceo buscará a súa segunda vitoria consecutiva. Sería un hipotético pleno dentro do novo 2023. Despois de sumar tres importantes puntos na pista do Urdaneta (2-4), Sergio Huelves e os seus xogadores intentarán redondear este comezo de ano recibindo ó HC Raxoi (sábado 21, 17:00h) no Pavillón Agra 1 da Coruña.
O obxectivo será o de lograr un novo triunfo que colocaría ó conxunto verdibranco na zona noble do Grupo Norte. O Liceo conta actualmente con 13 puntos en oito partidos disputados e ocupa a sétima posición, aínda que os tres descansos por xornada da competición desvirtúan en certo modo ás súas prazas. O filial conta con menos compromisos que tódolos equipos que o superan na clasificación, tendo estes nove ou incluso dez.
O filial do Deportivo Liceo é o actual sétimo clasificado, aínda que con menos partidos disputados cós equipos que o superan na táboa
Visitará o Agra 1 o HC Raxoi, que precisamente se sitúa xusto por enriba do Deportivo Liceo na táboa do Grupo Norte. É sexto grazas ás 14 unidades recolectadas ata o momento.
Sen descansos ata mediados de febreiro
O comezo de 2023 non se parecerá de momento ó variable 2022 que viviu o filial verdibranco, con múltiples descansos. O partido disputado ante o Urdaneta e o mencionado contra Raxoi darán paso a outras dúas datas sen paróns de por medio. Serán ante o UDC Rochapea (sábado 28 de xaneiro) e o Jolaseta (sábado 4 de febreiro), ambos fóra de casa.
Tras este último compromiso, o Liceo si deberá parar para posteriormente reanudar o camiño o 26 de febreiro, día no que se enfrontará ó Aurrera.