Toca combatir contra un dos mellores equipos do mundo. Todo un reto para o Deportivo Liceo, pero coa maior das ilusións. O duelo ante o Palau (sábado 4, 17:00h, HOCKEY GLOBAL) significará a cuarta parada dun tramo de máxima dificultade. Partidos contra Manlleu, Telecable e Cerdanyola que non impediron unha cómoda estancia en metade de táboa (oitavo posto, catro puntos).
Visitarán Riazor xogadoras de élite como Aina Florenza ou Laura Puigdueta, entre outras. O conxunto dirixido por Iván Sanz, de todas maneiras, non comezou a tempada do xeito máis desexado: sete puntos de doce posibles que actualmente serven para estar no sexto posto e detrás do resto de favoritos ó título. Aínda así, o seu potencial segue sendo letal.
Debut de Stanis García
Será o primeiro partido da nova etapa de Stanis García, xa con pasado no equipo. Unha dura proba e unha tempada que afronta con ambición: “O proxecto é seductor e vai saír adiante. Como hai que poñerse retos complicados, intentaremos meternos en Europa. Aínda así hai que ir paso a paso e o primeiro será clasificarnos para a Copa da Raíña”, declarou nunha entrevista a La Opinión.
Para a visita do Palau, Stanis contará coas seguintes xogadoras: Viki Caretta, Katy Guscin, Ale Martín, Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Luchy Paz, Adriana Soto, Lucía Yáñez e Cris Diz.
Como ir ó Pazo dos Deportes?
Por 5€, ou incluso de xeito gratuito, tódolos liceístas que o desexen poderán asistir a Riazor para desfrutar tanto deste partido como do Masculino (tamén en Riazor ás 20:00h). Para iso, organizáronse os tres escenarios habituais de adquisición.
No primeiro deles, adicado ós abonados do Real Club Deportivo, haberá 500 pases gratuitos dispoñibles. Non existirá máis custo que o tempo da xestión, a levar a cabo mediante a seguinte ligazón de CLUBER:
No momento da chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo.
O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o QR do seu carnet dixital no momento de acceder ó Pazo dos Deportes. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos.
Para acabar, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas dispoñibles a un prezo de 5€ cada unha. Valerán, como é natural, para os dous partidos do sábado e adquiriranse de xeito online mediante outra ligazón de CLUBER:
Desfrutar do mellor hockey sobre patíns nunca foi tan fácil!