A cuarta parada da OK Liga Feminina traeralle ó Deportivo Liceo outro complicado partido. Toca visitar a pista do Cerdanyola, un dos contendentes de máis potencial da competición, co obxectivo de refrendar o bo arranque do curso.
O Liceo, que desde o vindeiro luns estará dirixido novamente por Stanis García, suma actualmente catro puntos de nove posibles (sétimo posto). Marca positiva despois dun tramo realmente duro. Triunfou ante o Bigues i Riells, caeu de forma máis que digna na casa do Manlleu e empatou fronte a outro coloso como o Telecable.
O propio choque contra o Cerdanyola precederá á visita a Riazor do Palau (4 de decembro), outro dos pilares da OK Liga.
Bea Gaete regresa á lista
A xogadora chilena, que non disputou o encontro de Riazor ante o Telecable, volverá a estar a disposición do equipo despois de triunfar sen paliativos no Panamericano, campionato no que se proclamou medalla de ouro e MVP.
Ademáis de con Gaete, o Deportivo Liceo viaxará a Cataluña coas seguintes convocadas: Viki Caretta, Mencía Mosquera, Adriana Soto, María Sanjurjo, Alba Garrote, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez, Ale Martín e Cris Diz.
Contra un gran equipo
O Cerdanyola de Dani Setién é un dos grupos máis fortes da OK Liga e os seus resultados, de momento, corroboran a súa capacidade. Dos tres partidos xogados só perdeu un -e de forma axustada- contra un xigante como o Palau. Os outros dous foron vitorias a domicilio contra Mataró e Las Rozas, ambas por 0-4.
Os únicos tres goles que encaixaron tamén falan da súa capacidade defensiva. É o equipo menos batido nese apartado xunto ó mencionado Palau, que foi precisamente o responsable de todos eles. Unha roca que o Deportivo Liceo buscará superar.