Dun gran obstáculo a outro en cuestión de días. O Deportivo Liceo recibirá mañá sábado a un dos equipos máis potentes do panorama nacional: o Telecable de Xixón (18:00h, HOCKEY GLOBAL). Unha oportunidade de recuperarse trala derrota sufrida ante outro xigante como o Manlleu (3-1).
Un tropezo que non mancha o bo comezo das verdibrancas na OK Liga Feminina. Son tres puntos sobre seis posibles e unha carta de presentación realmente positiva, competindo de poder a poder contra rivais de entidade a pesar da súa condición de recén ascendidas.
Confianza ante un rival de máxima dificultade
Noemí Uzal, actual adestradora liceísta, é plenamente conscente do potencial do conxunto asturiano: “É un dos top da liga, sempre están arriba e pelexan por todo. Un equipo moi vertical, forte, duro e con xogadoras de moito nome”. O Telecable é o actual líder con seis puntos de seis posibles, nove goles a favor e ningún en contra. Números que avalan a súa condición.
A pesar diso, a técnica confía en poder irse cun bo sabor de boca desta proba: “Debemos facer valer o factor pista. Xogar no Pazo é moi difícil e creo que podemos sacar cousas positivas. Se xogas co que sabes e levas o partido ó teu terreo, pódese decantar dos dous lados. Tamén haberá que saber sufrir”.
O Deportivo Liceo buscará dar un golpe na mesa coas seguintes convocadas: Viki Caretta, Katy Guscin, Luchy Paz, Adriana Soto, María Sanjurjo, Alba Garrote, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez, Lara Yáñez e Cris Diz.
Como ir ó Pazo dos Deportes?
Acudir a Riazor a animar ó equipo é máis sinxelo que nunca. Como vén sendo habitual, hai tres escenarios diferentes que se proceden a explicar.
Primeiramente, haberá 500 pases gratuitos dispoñibles para os abonados do Real Club Deportivo. Non existirá máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante a seguinte ligazón de Cluber:
As persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos nos aledaños do Pazo: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo. Serán indispensables para acceder.
O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o QR do seu carnet dixital no momento da entrada. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos. Polo tanto, non será necesaria maior xestión.
Por outra parte, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas dispoñibles a un inmellorable prezo de 5€ cada unha. Adquiriranse de forma online mediante outro link de Cluber.
Un partido de alta dificultade sempre require o maior apoio posible. Liceístas, agardámosvos no Pazo dos Deportes!