A meta da tempada está ó alcance da vista. O Deportivo Liceo terá esta fin de semana ante o Girona (20:00h) a oportunidade de asegurar matemáticamente a sexta praza da OK Liga Feminina. Sería o resultado lóxico dunha segunda volta maxistral, coroada pola gran actuación do equipo na Copa da Raíña.
O seu semifinalista regresará ó Pazo dos Deportes coa moral polas nubes. Son 38 os puntos sumados polas xogadoras de Stanis García, oito máis cós 30 do Igualada (sétimo). Con nove por disputar, unha vitoria aseguraría a praza. Por outro lado, alcanzar os 47 do forte Cerdanyola parece máis complicado.
As dúas xornadas restantes levarán ó Liceo á pista do mencionado Igualada e a recibir ó Vila-sana, ó que apeou dos cuartos da Copa.
Un Girona débil
Visitará Riazor o colista destacado da competición, dono dun único punto despois de 23 datas disputadas. Descendido desde fai tempo, o Girona tan só poderá loitar pola súa honra.
O Girona só sumou un punto en 23 datas
A este novísimo grupo tampouco lle acompaña o resto de estadísticas. O catalán é o conxunto menos goleador (18) e máis goleado (136). A primeira volta deixou unha vitoria verdibranca (1-5).
Lista de convocadas
Stanis García contará coas seguintes xogadoras para buscar estes tres importantes puntos: Viki Caretta (nomeada mellor porteira da Copa), Mencía Mosquera, María Sanjurjo, Adriana Soto, Bea Gaete, Luchy Paz, Cris Diz, Alejandra Martín, Lara Yáñez e Lucía Yáñez.
VIKI CARETTA, nomeada pola @FedPatinaje como mellor porteira da #CopaOKIberdrola 2022.
Merecido premio a un gran traballo. Parabéns!#Liceístas pic.twitter.com/KHE9Knhd5I
— Hockey Club Liceo Feminino (@HCLiceoFem) May 10, 2022
Como ir ó Pazo dos Deportes?
Será un gran sábado de Deportivo Liceo, xa que ás 17:30h xogará o equipo masculino co obxectivo de comezar os playoffs con triunfo. Abríronse varios escenarios para que, de balde ou por tan só 5€, os liceístas que o desexen asistan a ambos partidos.
O primeiro deles está novamente destinado ós abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo. Haberá 500 pases dispoñibles sen máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante a seguinte ligazón de Cluber:
Na chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo.
Por outra parte, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas dispoñibles a un prezo de 5 euros cada unha. Adquiriranse de xeito online mediante outro enlace de Cluber: