Cada vez queda menos para a conclusión da OK Liga Feminina. O Deportivo Liceo de Stanis García deberá afrontar este sábado (18:00h) unha da súas catro datas restantes, que o levará a xogar contra o PHC Sant Cugat en pista visitante. Unha vez completada haberá un último parón que servirá para disputar a Copa da Raíña (do 5 ó 8 de maio).
HORARIOS | Xa coñecemos a hora exacta de ambos cuartos de final!#CopaOKIberdrola | Xoves 5, 20:30h.#CopaOKParlem | Venres 6, 18:00h.#TodoÓVerde https://t.co/cIMnYi9ZlM
— Hockey Club Liceo (@HockeyClubLiceo) April 23, 2022
O Pavelló do mesmo nome albergará un choque con dous obxectivos ben diferentes: continuar na zona nobre e alonxarse definitivamente da perigosa. O primeiro será o do conxunto verdibranco, actual sexto con 38 puntos. Ten ó quinto a unha distancia prudencial debido ós 47 do Cerdanyola (que ten un partido menos), á par que a que lle separa do oitavo (Igualada, 30 unidades).
Un sector tranquilo por debaixo dos trasatlánticos da categoría como premio a unha segunda volta excelente. Tralo do Sant Cugat tocará xogar contra o Girona (casa), o propio Igualada (fóra) e o Vila-sana (casa) para pechar a tempada.
Un Sant Cugat versátil
O equipo dirixido polo histórico Beto Borregán ocupa a novena posición da OK Liga Feminina. Só tres postos por debaixo do Liceo, aínda que con 20 puntos menos.
O Sant Cugat, noveno, é capaz de facer gol con tódalas súas xogadoras
Se algo caracteriza ó PHC Sant Cugat é a versatilidade das súas goleadoras. Anotaron ata dez xogadoras diferentes, capitaneadas polas doce dianas de Laura Porta e as dez de Txell Gimeno.
Aínda que non inflúa nesta ocasión, o precedente da primeira volta é positivo para o Deportivo Liceo. O encontro celebrado no Pazo dos Deportes de Riazor rematou con vitoria local (3-1 despois de dous tantos de María Sanjurjo e outro de Adriana Soto).
Lista de nove convocadas con regreso de Bea Gaete
Stanis García, técnico liceísta, poderá contar coa volta dunha xogadora importante: Bea Gaete. A chilena entra de novo nunha lista despois de permanecer varias semanas de baixa.
A convocatoria completa estará formada por Viki Caretta, Mencía Mosquera, Adriana Soto, Alba Garrote, Cris Diz, Alejandra Martín, Lara Yáñez, Lucía Yáñez e a propia Bea. María Sanjurjo non poderá ser da partida.