É hora de volver a pista para o Deportivo Liceo da OK Liga Feminina. O penúltimo parón da competición queda no pasado e ofrece sitio a un dos cinco compromisos restantes da fase regular, que deixará un enfrontamento contra o Voltregà (sábado 23, 20:00h) no Pazo dos Deportes de Riazor. O obxectivo, como nas datas anteriores, será o de permanecer na zona nobre da táboa.
O conxunto dirixido por Stanis García ocupa actualmente a sexta posición da OK Liga con 35 puntos, oito menos có quinto (Cerdanyola) e cinco máis có sétimo (Igualada). Unha relativa zona tranquila que, aínda así, non deixa lugar á confianza excesiva. Restan 15 unidades en xogo contra o mencionado Voltregà e, posteriormente e nesta orden, Sant Cugat (fóra), Girona (casa), Igualada (fóra) e Vila-sana (casa).
O último rival da fase regular será, curiosamente, o mesmo dos cuartos de final da vindeira Copa da Raíña (xoves 5 de maio en Lleida, con horario por confirmar). Esa fin de semana celebrarase o derradeiro parón da competición doméstica.
Un Voltregà necesitado de puntos
Nunha posición máis complicada permanece o cadro branquiazul, actual décimo con 17 puntos. Conta, iso si, con 19 partidos disputados fronte ós 21 do resto de rivais (cinco vitorias, dous empates e doce derrotas). Non evita que sexa o terceiro goleador con menos efectividade de toda a OK Liga Feminina (36 dianas a favor, menos de dúas por encontro).
Lista de convocadas
A semana de adestramentos deixou a gran nova do regreso de Bea Gaete, ata agora convalecente, pero todavía non está en condicións de formar parte da lista.
Bea Gaete regresou ós adestramentos durante a semana
Polo tanto, as xogadoras chamadas a filas serán Viki Caretta, Mencía Mosquera, María Sanjurjo, Luchy Paz, Alba Garrote, Cris Diz, Ale Martín, Naiara Vaamonde, Lara Yáñez e Lucía Yáñez.
Como ir ó Pazo dos Deportes?
Por 5€, ou incluso de xeito gratuito, tódolos liceístas que o desexen poderán asistir a Riazor para disfrutar do choque. Os socios verdibrancos entrarán ensinando o seu carnet dixital. Para o resto organizáronse os dous escenarios habituais de adquisición.
No primeiro deles, adicado ós abonados do Real Club Deportivo, haberá 500 pases gratuitos dispoñibles. Non existirá máis custo que o tempo adicado á xestión, a levar a cabo mediante o seguinte link de CLUBER:
No momento da chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo.
Para rematar, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas a un prezo de 5€. Adquiriranse de xeito online mediante outra ligazón de CLUBER: