Toca xogar contra outro dos colosos da OK Liga Feminina. As seis vitorias seguidas do Deportivo Liceo poden quedar aí ou aumentar a sete despois do complicado partido que se celebrará na pista do Palau (domingo 20, 13:15h). Unha potencia da competición que, sen dúbida, loitará ata o final polo título.
Stanis García e as súas xogadoras viaxarán con confianza e, á súa vez, cautela. Saben que son capaces de sacar algo positivo porque parte da quenda actual foi realidade tras vencer a outros candidatos á OK Liga, como Manlleu ou Telecable. Tampouco significa un triunfo seguro. Só queda continuar traballando ata o último segundo, como se fixo ata o de agora.
O Deportivo Liceo visitará ó Palau no mellor momento de forma do curso
O Deportivo Liceo chegará a esta 18º xornada como sétimo clasificado con 28 puntos. Integrante da zona medio-alta da táboa, o obxectivo será lograr a mellor posición posible e avanzar á seguinte fase.
Un candidato ó título
O rival desta data será de dificultade máxima. O Palau é un dos equipos con máis opcións para acadar o trofeo a final de curso, aínda que actualmente permanece nun escalón por debaixo dos outros tres contendentes principais. Ocupa o cuarto posto con 40 puntos, seis menos có intratable Vila-sana.
Os seus rexistros débense, en gran parte, a xogadoras de clase mundial. Aina Florenza, Laura Puigdueta, Berta Busquets ou Carla Fontdegloria son algúns dos activos que definen ben o alto potencial deste grupo.
Lista de convocadas con tres baixas
Stanis García non poderá contar con tres xogadoras: Bea Gaete, Naiara Vaamonde (ambas por problemas físicos) e Mencía Mosquera (control coa selección nacional).
A convocatoria queda formada por Viki Caretta, Luchy Paz, Adriana Soto, María Sanjurjo, Alba Garrote, Ale Martín, Cris Diz, Lucía Yáñez e Lara Yáñez.