As vitorias saben mellor cando son consecutivas. Unha obviedade que o Deportivo Liceo buscará probar no Municipal de Bigues i Riells, pista onde desafiará ó equipo local (sábado 12, 21:00h) dentro dunha nova proba da OK Liga Feminina. Stanis García e as súas xogadoras, xa recuperadas dunha mala racha, veñen de vencer ó Sant Cugat (3-1) e coller aire renovado.
Eses tres puntos serviron para erguer a cabeza e colocarse na novena posición da táboa con trece puntos, dous menos có rival desta fin de semana. Outro resultado positivo, lóxicamente, asegurará rematar a xornada como oitavas. Aínda así, non será sinxelo pola entidade do escenario.
Un local forte
Esa magnitude tradúcese en bos resultados por parte do Bigues, un conxunto especialista en sumar en casa. Doce dos seus quince puntos lográronse no Municipal, un recinto que só puideron superar dous dos colosos da competición (Manlleu e Cerdanyola).
O Bigues i Riells colleitou como anfitrión doce dos seus quince puntos
O equipo dirixido por Juan Marcos Carmona, ademáis, vive abonado ó cara ou cruz. Ou perde ou gaña. Dos seus once encontros, cinco remataron en triunfo e seis en derrota.
Un deses tropezos, precisamente, foi na xornada inaugural e tivo lugar no Pazo dos Deportes. O Liceo, entón capitaneado por Carlos Loureiro, venceu 5-1 (dous goles de Alba Garrote, dous de Adriana Soto e un de Bea Gaete).
Lista de convocadas
Para este choque, Stanis poderá contar coas seguintes xogadoras: Viki Caretta, Mencía Mosquera, Adriana Soto, Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Lucía Yáñez, Lara Yáñez e Cris Diz.