Se a pasada semana trouxo un maratón de hockey para o equipo masculino, o feminino non se quedará atrás na actual. 72 horas despois da súa derrota ante o Igualada (3-4), o Deportivo Liceo afrontará unha nova proba da OK Liga Feminina en forma de viaxe ó Municipal de Vila-sana (martes 1 de febreiro, 20:30h).
Unha oportunidade perfecta, aínda que complicada, para erguer a cabeza tralo recente tropezo no Pazo dos Deportes. Unha vez disputado este choque, tocará preparar inmediatamente outro suspendido no seu día por razóns sanitarias: a visita do PHC Sant Cugat a terras galegas (sábado 5, 20:00h).
O Deportivo Liceo xogará o martes (Vila-sana) e o sábado (PHC Sant Cugat) para pechar unha semana intensa de hockey
Seis puntos en xogo co obxectivo de sumalos ós dez cos que contan agora mesmo Stanis García e as súas xogadoras. Útiles para ocupar o noveno posto dos 14 nos que se reparte a competición. A meta será, sen dúbida, a de escalar a posicións máis elevadas a base de traballo e ambición.
Lista de convocadas
Stanis ten claro que hockistas loitarán por conseguir estes primeiros tres puntos da serie: Viki Caretta, Mencía Mosquera, Adriana Soto, Alba Garrote, Bea Gaete, María Sanjurjo, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez e Lara Yáñez.
Contra un Top 5
Desde logo, o nivel de dificultade da visita non será pequeno. No Municipal de Vila-sana agardan as terceiras clasificadas e un dos cinco equipos que lograron abrir unha distancia importante de puntos con respecto ós outros nove.
Lluís Rodero e as súas xogadoras completaron un excelente rexistro de nove triunfos e unha derrota nos dez partidos que disputaron ata o de agora, con 58 goles a favor e 16 en contra. Son, con once dianas de diferencia, o cadro máis anotador da categoría grazas á aportación de mulleres como Victòria Porta (16), Maria Agudo (13) e Vale Fernández (12).
Será unha incógnita, aínda así, como afrontará o seu regreso á actividade competitiva. O Vila-sana leva sen saltar á pista desde o pasado 15 de xaneiro, tras sufrir dous adiamentos por motivos COVID.