PREVIA OK LIGA 24/25 (X7) | A Alpicat para seguir a boa dinámica

PREVIA OK LIGA 24/25 (X7) | A Alpicat para seguir a boa dinámica

13 de novembro de 2024


O Deportivo Liceo, vitorioso o domingo ante o Sant Just, visitará ó recén ascendido co obxectivo de volver a sumar de tres (mércores, 20:00h).

Unha semana de partido intersemanal afrontada do mellor xeito. Iso provoca a recente vitoria en Riazor contra o Sant Just. A visita ó Pavelló Antoni Roure do Alpicat, recén ascendido á OK Liga, implicará este mércores (20:00h) a oportunidade de alongar esa boa racha. Outra proba complicada co obxectivo de seguir ascendendo na táboa.

Esta sétima xornada da Fase Regular estará retransmitida de novo por OK Liga TV na súa canle de YouTube, plataforma que a ofrecerá en directo e totalmente de balde. En pista o encontro estará dirixido polos árbitros Raúl Burgos Manotas e Erik Rivas Martín, con Toni Medina Escart como auxiliar.

Unha vitoria recente de gran importancia

Juan Copa e o seu equipo chegarán á cancha do Alpicat despois de romper a mala racha de resultados que asolaba ó grupo nas últimas datas. Esas tres derrotas seguidas terminaron co triunfo en Riazor contra o Sant Just (1-0), útil nestes momentos para aupar ós verdibrancos á quinta posición con nove puntos. Noia, Reus, Calafell e Barcelona son os catro equipos que están por encima.

O Liceo chegará a Cataluña tras conseguir tres valiosos puntos como local. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O técnico coruñés emprende unha viaxe a Cataluña cos mesmos dez homes dos últimos partidos, lista obrigada debido á lesión grave de Pablo Cancela. O número 74 continúa recuperándose da súa doenza no xeonllo e a volta non se espera ata ben entrado 2025.

Os dez xogadores que loitarán no Antoni Roure, polo tanto, serán os seguintes:

  • Martín Rodríguez | Porteiro, dorsal 1
  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Nil Cervera | 2
  • Arnau Xaus | 3 | 5 goles, máximo anotador do Liceo
  • César Carballeira | 5 | 3 goles
  • Jacobo Copa | 7
  • Dava Torres | 8 | 2 goles
  • Fabri Ciocale | 9 | 1 gol
  • Bruno Saavedra | 13
  • Tato Ferruccio | 77 | 1 gol

Tralo partido en Alpicat apenas haberá descanso, posto que o domingo 17 regresará o hockey de OK Liga a Riazor. Precisamente visitará o Pazo un dos conxuntos que agora mesmo superan ó Liceo na táboa: o Calafell (xornada 8, 12:00h).

Un Alpicat en busca da tecla

O Lleidanet Alpicat de Jordi Expósito, mellor coñecido como Sito, é un colista enganoso. Principalmente porque conta cun partido xogado menos e secundariamente porque lle puxo as cousas moi difíciles a varios equipos consolidados na categoría.

Imaxe: FACEBOOK HC ALPICAT.

Son tres puntos os sumados polos cataláns ata o de agora, aínda que recibirán ó Liceo despois de colleitar un empate na difícil pista do Lleida (4-4). Tamén lograron puntuar contra o Reus Deportiu e rozaron o propio na casa do Voltregà, unha das máis correosas da competición. En total falamos de 13 goles a favor e só 15 en contra, un número sorprendente para un último clasificado.

O Alpicat tratará de sacar un resultado positivo cos seguintes xogadores:

  • Xavi Bosch | Porteiro, dorsal 1
  • Ricard Casals | Porteiro, 10
  • Miquel Serret | 3 | 4 goles, máximo anotador
  • Iago Vázquez | 4 | 3 goles
  • Jan Munné | 7
  • Joan Serret | Capitán, 8 | 1 gol
  • Mats Zilken | 9 | 2 goles
  • Marc Vázquez | 11
  • Uri Llenas | 19 | 2 goles
  • David Ballestero | 87 | 1 gol

Deixa un comentario