27 de outubro de 2023
O Deportivo Liceo viaxará a Mataró co obxectivo de remontar a mala xeira fóra de Riazor (sábado 28, 20:30h, OK Liga TV).
Como di Juan Copa na previa deste partido, “cada sete días hai unha revancha”. A visita do Deportivo Liceo ó Jaume Parera de Mataró (sábado, 20:30h) será unha gran oportunidade para truncar a mala xeira dos verdibrancos fóra de Riazor.
Ata o momento, as dúas xornadas de OK Liga disputadas como visitante terminaron en derrotas (3-2 en Calafell e 7-3 en Sant Just). A expedición loitará para rematar cun triunfo este segundo partido consecutivo alonxado da Coruña, unha cidade que volverá a ver hockey o vindeiro sábado 4 de novembro (18:00h, Caldes).
Este importante encontro estará dirixido polos árbitros Loïc Le Menn e Daniel Pico Ramos, con Marc Vilardell como auxiliar. Será retransmitido por OK Liga TV (canle de YouTube) en directo e totalmente de balde.
Lista de nove xogadores
Como é habitual nas últimas semanas, a convocatoria do Liceo estará composta por un total de nove xogadores. Continúa así a baixa de Bruno Saavedra, operado da súa lesión de escafoides e cun horizonte de recuperación que todavía se alonxa en máis dun mes.
Os homes que viaxarán a terras catalás serán os seguintes:
- Martí Serra | Porteiro, 1
- Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
- Sito Ricart | 2 | 1 gol
- Tomás Pereira | 4 | 2 gol
- César Carballeira | 5 | 5 goles
- Dava Torres | Capitán, 8 | 1 gol
- Fabri Ciocale | 9 | 4 goles
- Fran Torres ‘Tombita’ | 44 | 1 gol
- Pablo Cancela | 74 | 5 goles
Dúas caras diferenciadas
Non son nada malas as cifras de goles dos xogadores liceístas, posto que o negativo das visitas a canchas rivais se complementa con todo o bo que ofrece o Pazo dos Deportes de Riazor.
Actualmente, o Liceo ocupa a sexta posición da táboa con seis puntos sumados: todos eles na súa propia casa. Só son, sen embargo, catro menos cós de Barcelona e Sant Just, os dous líderes dunha OK Liga moi igualada nesta fase regular.
Os de casa son triunfos realmente contundentes: 6-1 ante o Igualada e 8-2 ante o Hockey Rivas. O Deportivo Liceo, condicionado pola mencionada lesión de Bruno Saavedra e polas molestias de Dava Torres, busca agora atopar ese equilibrio entre os dous escenarios.
Un recén ascendido con ganas de arrancar
É a terceira data consecutiva na que o Deportivo Liceo se enfronta a un antigo membro da OK Prata. Primeiro Rivas, logo Sant Just e agora Mataró. Agarda o colista da máxima categoría, aínda que a análise global non presenta un escenario a priori sinxelo.
O Mataró, a pesar da súa condición de colista, demostrou ser un equipo loitador fronte a condicións adversas
A pesar do seu único punto sumado, o equipo dirixido por Joan Carles Vadillo esixiulle o máximo a todos os seus rivais. Algúns deles, de importante categoría. Sen ir máis lonxe, os cataláns estiveron a punto de asaltar a pista dun Reus Deportiu que gañou de forma moi xusta (6-5). Tamén lograron sumar en Voltregà, un dos feudos máis correosos da OK Liga.
O plantel do Mataró está composto polos seguintes xogadores e goleadores:
- Sergi Grané | Porteiro, dorsal 1
- Gerard Garro | Porteiro, 10
- Gerard Cusachs | 2 | 1 gol
- Oriol Lladó | 3 | 3 goles
- Marc Ollé | 4 | 3 goles
- Jordi Pérez | 5
- Xavi Burguillos | 7 | 3 goles
- Abel Moya | 8 | 3 goles
- Guillem Carbonell | 14 | 1 gol
- Lluc Vilà | 25 | 1 gol