2 de marzo de 2024
Pablo Cancela no duelo da primeira volta. IMAXE: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo viaxará á pista do Girona co obxectivo de continuar a súa boa racha na competición doméstica.
Queda a OK Liga e o Deportivo Liceo dará todo para loitar por ela. O duelo contra o Girona chegará só tres días despois da fin da travesía europea, aínda que a motivación de Juan Copa e dos seus xogadores permanece máis que intacta. O Municipal Palau II será o escenario do envite pola que sería a sexta vitoria consecutiva na competición doméstica.
Esta 21º xornada estará dirixida polos árbitros Iván González González e Joel García Freixes, con Oriol Garriga Mas como auxiliar. Os liceístas que desexen animar ó equipo desde a distancia poderán facelo grazas á retransmisión de OK Liga TV (streaming vía canle de YouTube).
Recta final da Fase Regular
Son só seis datas por diante ata a chegada dos playoffs polo título, meta á que o conxunto de Juan Copa quere arribar nas mellores condicións posibles. De momento sería como terceiro clasificado da Fase Regular grazas ós seus 35 puntos sumados, tres menos có Noia que ocupa a segunda praza.
Esta primeira e principal parte da OK Liga rematará a principios de maio coa visita do propio conxunto de Sant Sadurní ó Pazo dos Deportes. Antes, incluindo a viaxe a Girona, o Deportivo Liceo deberá enfrontarse ó Barcelona (casa), ó Reus (fóra), ó Voltregà (C) e ó PAS Alcoi (F). Tralos choques de Girona e Reus, o Liceo afrontará sendos paróns competitivos de varias semanas (tres e dous, respectivamente).
Lista sen cambios
Juan Copa buscará os tres puntos no Palau II cos mesmos xogadores que lograron estes cinco triunfos seguidos. Continuará de baixa Bruno Saavedra, xa na fase final de recuperación da súa lesión de escafoides.
A convocatoria estará formada polos seguintes dez homes:
- Martí Serra | Porteiro, 10
- Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
- Sito Ricart | 2 | 7 goles na OK Liga e 3 na WSE Champions League
- Tomás Pereira | 4 | 4 goles na OK Liga e 1 na WSE Champions League
- César Carballeira | 5 | 24 goles na OK Liga, pichichi actual do Deportivo Liceo
- Dava Torres | Capitán, 8 | 17 goles en OK Liga e 5 na WSE Champions League
- Fabri Ciocale | 9 | 6 goles na OK Liga e 1 na WSE Champions League
- Fran Torres | 44 | 4 goles na OK Liga e 4 na WSE Champions League
- Guido Pellizzari | 54 | 1 gol na OK Liga
- Pablo Cancela | 74 | 9 goles na OK Liga e 2 na WSE Champions League
Un Girona en alerta
No Palau II xa espera o equipo de Xevi García, que se fixo cargo do posto no pasado mes de decembro. Non é unha tempada fácil para o Girona, que ocupa agora mesmo postos de playout a OK Prata (undécimo con 20 puntos). Ante o Deportivo Liceo, os cataláns xogarán coa motivación de achegarse ós postos de seguridade.
Os seus últimos precedentes na OK Liga son dous empates na pista do Sant Just (3-3) e como anfitrións do Rivas, o seu inmediato perseguidor na táboa (5-5). Non logra a vitoria desde o 17 de xaneiro, cando venceu por 2-0 ó PAS Alcoi.
O Girona, undécimo, ocupa actualmente os postos de promoción de descenso
Estes son os xogadores que buscarán vencer o domingo, así como as súas estatísticas de goles. Nese sentido, o Girona é o cadro da OK Liga con peores cifras (41, cinco menos có colista Mataró). Sen embargo, Marc Vázquez anotou cinco dianas nos tres últimos choques:
- Jaume Llaverola | Porteiro, dorsal 10
- Oriol Barrot | Porteiro, 1
- Aleix Doménech | 2 | 4 goles
- Àlex Grau | 4 | 2 goles
- Marc Puigvert | 8 | 3 goles
- Django Bogers | 9 | 4 goles
- Marc Vázquez | 11 | 14 goles
- Borja Ramón | 23 | 8 goles
- Biel Nadal | 25
- Moi Aguirre | 32 | 6 goles
O duelo da primeira volta deixou como gañador ó Deportivo Liceo, que se impuxo por 4-2 no Pazo dos Deportes de Riazor. Logrouno grazas ós dous dobretes de César Carballeira e Dava Torres.