PREVIA OK LIGA 23/24 (X13) | O 2024 comeza en Sant Sadurní

PREVIA OK LIGA 23/24 (X13) | O 2024 comeza en Sant Sadurní

6 de xaneiro de 2024


O Deportivo Liceo de Juan Copa clausurará a primeira volta no Olímpic de l’Ateneu.

Un resultado positivo oficializaría a clasificación do equipo para a vindeira Copa do Rei.

Rematan as festas e volve a OK Liga. O sétimo día do novo 2024 levará ó Deportivo Liceo de Juan Copa a Sant Sadurní, localidade de hockey dominada polo Noia. A primeira volta de competición pecharase no Olímpic de l’Ateneu contra o conxunto dirixido por Pere Varias (domingo 7, 12:30h).

O partido, tal e como ocurría en 2023, poderase seguir online de balde pola canle de YouTube de OK Liga TV. Estará dirixido polos árbitros Sergi Mayor Oliván e Alberto Pérez Pérez, con Daniel Pico Ramos como auxiliar.

Coa Copa do Rei no horizonte

A clausura da primeira metade desta fase regular definirá unha vez máis ós equipos que disputarán a Copa do Rei. O torneo eliminatorio por excelencia do territorio nacional xogarase en Calafell a principios do mes de marzo, cos oito primeiros da volta inicial de OK Liga como participantes.

O Liceo ocupa actualmente a cuarta posición con 18 puntos

Como cuarto clasificado vive agora o Deportivo Liceo, con 18 puntos acumulados e dous máis que o umbral entre o ben e o mal. É quinto o Calafell, sexto o Reus (ambos tamén con 18), sétimo o Voltregà (17) e oitavo o PAS Alcoi (16). Empatados cos alcoianos, pero fóra dos postos de Copa, están o Lleida e o Igualada.

Regreso de Dava Torres para buscar a racha

A primeira gran nova de 2024 en materia de convocatoria é a volta do capitán. Dava Torres formará parte novamente dunha lista de Juan Copa despois de superar as molestias físicas que o alonxaron da pista durante as últimas semanas.

Así as cousas, os dez elixidos polo técnico coruñés para esta importante proba son os seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 4 goles en OK Liga e un en WSE Champions League
  • Tomás Pereira | 4 | 4 goles en OK Liga e un en WSE Champions League
  • César Carballeira | 5 | 13 goles en OK Liga, actual pichichi do Deportivo Liceo
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 6 goles en OK Liga e un en WSE Champions League
  • Fabri Ciocale | 9 | 4 goles en OK Liga
  • Fran Torres | 44 | 1 gol en OK Liga
  • Guido Pellizzari | 54
  • Pablo Cancela | 74 | 7 goles en OK Liga e un en WSE Champions League

O Liceo afrontará esta decimoterceira data de fase regular despois do bo sabor de boca logrado fronte ó PAS Alcoi. A visita do conxunto do sureste de España deixou unha vitoria verdibranca por 2-1, con tantos de Sito Ricart e Tomás Pereira.

Un Noia co Ateneu como fortín

A expedición coruñesa viaxará á pista do segundo clasificado, dono de 25 unidades. O seu Ateneu demostrou, un ano máis, a fortaleza que se lle presupón: presenciou tres triunfos, tres empates e nin unha soa derrota. É o único recinto no que o Barcelona, líder destacado da OK Liga, se deixou puntos.

Sumado o rendemento fóra do Ateneu, o conxunto catalán suma outras catro vitorias, outro empate e un só encontro perdido. É ademáis o terceiro equipo que máis goles anota (41) e o segundo que menos recibe (27).

Imaxe: EVA PEDROLA.

O plantel dirixido por Pere Varias é o seguinte, así como a súa conta de goles. Son once xogadores ós que se lles deberá aplicar un descarte:

  • Blai Roca | Porteiro, 20
  • Jan Marimon | Porteiro, 89
  • Aleix Esteller | 4 | 1 gol en OK Liga
  • Xavi Costa | 6 | 9 goles en OK Liga
  • Toni Salvadó | 8 | 3 goles en OK Liga e un en WSE Cup
  • Jordi Bargalló | 9 | 7 goles en OK Liga
  • Martí Gabarró | 27 | 7 goles en OK Liga e un en WSE Cup
  • Humberto Mendes | 32 | 3 goles en OK Liga
  • Pau Andreu | 49
  • Xavi Rovira | 74 | 4 goles en OK Liga
  • Iván Morales | 97 | 7 goles en OK Liga

Deixa un comentario