PREVIA OK LIGA 23/24 (X11) | Nova oportunidade para reaccionar

PREVIA OK LIGA 23/24 (X11) | Nova oportunidade para reaccionar

5 de decembro de 2023


Só tres días despois da derrota fronte ó Reus, o Deportivo Liceo poderá loitar polo triunfo na pista do Voltregà (mércores, 12:30h).

O final do ano natural 2023 caracterizarase polos partidos entre semana e esta non suporá unha excepción. Só tres días despois do mal trago sufrido ante o Reus en Riazor, o Deportivo Liceo viaxará ó Oliveras de la Riva de Voltregà (mércores 6, 12:30h) co obxectivo de alzar o voo. Unha nova oportunidade para sumar de tres dentro dunha Fase Regular de OK Liga que se achega pouco a pouco ó seu ecuador.

Esta 11º xornada entre cataláns e verdibrancos estará dirixida polos colexiados Josep Antoni Ribo Navarro e Joan Nicolás Abellán, con Roger Nadal Botet como auxiliar. Estará retransmitido pola canle de YouTube de OK Liga TV en directo e de xeito totalmente gratuíto.

Recta final de 2023 con varios choques de importancia

Tres son as probas que acabarán coa competición do 2023, dous de OK Liga e unha de WSE Champions League. Virán primeiro as da acción doméstica: a deste mércores en Sant Hipòlit e a do sábado 9 ás 13:00h (xornada 12, visita do Alcoi a Riazor).

Guido Pellizzari volverá a ser da partida tralo seu debut ante o Reus. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Unha vez rematados os partidos da OK Liga, o xoves 14 significará a estrea do curso europeo no Pazo dos Deportes. O Deportivo Liceo recibirá ó Barcelos luso para disputar a segunda data da Fase de Grupos.

A competición volverá o 7 e o 11 de xaneiro de 2024 con, respectivamente, os choques ante o Noia (xornada 13 de OK Liga) e o Forte dei Marmi (terceira de WSE Champions League). Ambos serán fóra da casa.

Continúa a baixa de Dava Torres

Esta nova visita a terras catalás terá lugar sen a presenza do capitán Dava Torres, que non poderá xogar no que queda de ano debido a unha serie de problemas físicos. Máis longa será a baixa de Bruno Saavedra, que continúa o proceso de recuperación da súa lesión de escafoides.

Guido Pellizzari, que debutou o domingo día 3 fronte ó Reus, volverá a ser convocable despois de que por fin se cumpriran os requisitos administrativos necesarios para a súa estrea. Novamente tamén completará a convocatoria o canteirán Jaime Méndez, que xa se sentou no banco en dous partidos da OK Liga.

Os homes destinados a Sant Hipòlit son os seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 3 goles en OK Liga
  • Tomás Pereira | 4 | 3 goles en OK Liga e un en WSE Champions League
  • César Carballeira | 5 | 13 goles en OK Liga, actual pichichi do Deportivo Liceo
  • Fabri Ciocale | 9 | 4 goles en OK Liga
  • Fran Torres | 44 | 1 gol en OK Liga
  • Guido Pellizzari | 54
  • Pablo Cancela | 74 | 7 goles en OK Liga
  • Jaime Méndez | 78

Un Voltregà con varios exliceístas ilustres

O equipo comandado por Lluís Teixidó recibirá ó Liceo nun feudo sempre caracterizado pola dificultade. O Voltregà, actual sétimo clasificado con 14 puntos, só perdeu un partido no Municipal Oliveras de la Riva e fronte a un Barcelona que non o tivo nada fácil (4-5). Completan o rexistro tres triunfos e un empate.

Unha positiva xeira de resultados que intentará alongar un equipo marcado pola presenza de exliceístas ilustres: Àlex Rodríguez e Jordi Burgaya, campións da OK Liga 21/22 durante a súa etapa na Coruña. Ambos son precisamente os dous máximos realizadores do Voltregà.

Àlex Rodríguez atoparase de novo co Deportivo Liceo tras unha etapa chea de galardóns para o club. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O plantel dirixido por Teixidó é o seguinte:

  • Miquel Estrada | Porteiro, dorsal 1
  • Oriol Codony | Porteiro, 96
  • Èric Vargas | 3 | 3 goles
  • Lluc Sitjà | 5
  • Dídac Alonso | 6 | 1 gol
  • Jordi Burgaya | 7 | 9 goles
  • Aleix Molas | 9 | 5 goles
  • Humbert Serra | 11
  • Gerard Teixidó | 21 | 4 goles
  • Àlex Rodríguez | 27 | 6 goles

Deixa un comentario