Regresou a OK Liga e agora non se detén. Poucas horas despois de dificultar ó máximo o triunfo do Barça en Riazor (2-3), o Deportivo Liceo de Juan Copa deberá afrontar outra complicada proba: asaltar o Francisco Laporta do PAS Alcoi (sábado 26, 20:15h, OKLIGA.TV).
Será co obxectivo de reaccionar clasificatoriamente á derrota recente. En canto a imaxe e entrega, pouco haberá que mellorar.
Os 15 puntos que colocan ós verdibrancos no quinto posto quererán transformarse en 18 para empezar o mellor posible a recta final do ano natural. Este deixará, ademáis do mencionado, catro partidos ante Calafell (casa), Igualada (fóra), Caldes (casa) e Vilafranca (fóra). Unha vez superados, a OK Liga vivirá o seu parón de Nadal.
Unha revelación continua
O PAS Alcoi dirixido por Lorenzo Pastor non deixa de sorprender ós afeccionados ó hockey. A pesar de ser un recén ascendido no curso 21/22, logrou chegar ó playoff polo título que finalmente gañaría o Deportivo Liceo. Foron os verdibrancos, precisamente, os que remataron coa exitosa travesía alcoiana.
O Alcoi, a pesar da súa condición de recén ascendido, enfrontouse ó Deportivo Liceo nos playoffs polo título de 2022
Actualmente, no 22/23, continúan na mesma liña. Ocupan o oitavo posto parcial grazas ós 10 puntos sumados ata o de agora, froito de tres vitorias, un empate e tres derrotas. Só unha unidade separa á entidade do sétimo posto que otorga a clasificación directa para o playoff.
O Alcoi recibirá ó Liceo no Francisco Laporta despois de plantarlle cara seriamente ó Noia na súa propia pista (6-5).
Os mesmos que lle plantaron cara ó Barça
A pesar da forte proximidade entre ambos compromisos, a gran nova para Juan Copa é a ausencia de baixas no seu plantel. Estarán dispoñibles tódolos xogadores que loitaron ante o Barça ata o derradeiro minuto de partido.
Así pois, viaxarán a Alcoi os seguintes homes: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Arnau Canal, Fabri Ciocale e Àlex Rodríguez. Ó permitirse unha convocatoria de dez xogadores como máximo, Fran Torres quedará fóra da mesma.