Chegou o momento de visitar unha das pistas máis complicadas da OK Liga. O Deportivo Liceo será o seguinte invitado do Olímpic de l’Ateneu de Noia (venres 30, 21:00h, YouTube de OKLIGA.TV), fogar do conxunto dirixido por Pere Varias. A meta será tan clara como complicada: alcanzar 15 puntos de 15 posibles. Continuar un inicio de competición ata agora impecable ampliando os triunfos logrados ante Voltregà, Girona, Arenys de Munt e PHC Sant Cugat.
Será o penúltimo dos dous choques que xogarán Juan Copa e os seus antes do parón de máis dun mes provocado polos World Roller Games de San Juan. Alí haberá representación liceísta ata en tres seleccións diferentes: Dava Torres (España), Bruno Di Benedetto (Francia) e Mati Bridge (Arxentina).
Ese último partido de OK Liga tamén será de nivel. O Reus Deportiu encargarase de loitar polos tres puntos no Pazo dos Deportes de Riazor (domingo 9 de outubro, 12:00h).
Pendentes de Àlex Rodríguez
En canto ó estado físico do Deportivo Liceo, un nome recolle os titulares: Àlex Rodríguez. O dorsal 27 arrastra desde o pasado partido ante o Sant Cugat unhas molestias de espalda tratadas na Clínica Quirónsalud da Coruña. Formará parte da expedición, aínda que será dúbida ata o último momento.
Si estarán a pleno rendemento o resto de integrantes do plantel: Martí Serra, Mati Bridge, César Carballeira, Bruno Di Benedetto, Dava Torres, Arnau Canal, Fabri Ciocale (autor dun recente hat trick), Sito Ricart e Fran Torres.
Un Noia poderoso
Pouco hai que descubrir do equipo comandado por Pere Varias. Un clásico absoluto da OK Liga e anfitrión dunha das súas pistas máis complicadas.
Juan Copa, técnico do Deportivo Liceo, sabe perfectamente da dificultade do choque: “O ano pasado xa nos enfrontamos con eles en semifinais. Sabemos do potencial que teñen e dos obstáculos que imos atopar, pero o equipo ten confianza”.
O Noia segue a demostrar o seu poderío no inicio deste novo curso. Suma nove puntos de doce posibles despois de vencer en tres partidos e perder pola mínima noutro ante o mencionado Reus (3-4). Ademáis, ensinou a súa solidez. É actualmente o terceiro equipo menos superado en canto a goles (sete, por detrás dos seis e os tres de Liceo e Barcelona).
Nas súas filas continúan veteráns de gran rendemento como Xavi Costa ou o exliceísta Jordi Bargalló, dous dos mellores anotadores cataláns no que vai de OK Liga.