O do domingo ás 12:00h non será un partido calquera. Será a hora do Clásico da OK Liga, un encontro entre Barça e Deportivo Liceo que colocará ó Palau Blaugrana nas miradas de tódolos afeccionados ó hockey sobre patíns. Xogarán os primeiros contra os segundos e iso sempre é digno de ver.
Ambos farano despois de competir na WSE Champions League. O pasado xoves deixou unha importante vitoria ante o Calafell (3-4) para os homes de Juan Copa, que agora deberán sobrepoñerse ó esforzo físico. Tamén terá esa tarea o conxunto de Edu Castro, vitorioso ante o Lodi.
O obxectivo do Liceo será o de regresar á senda do triunfo na competición doméstica e refrendar a segunda praza, realidade grazas ós 44 puntos sumados ata o de agora. Son 14 vitorias, tres derrotas e dous empates que casualmente tiveron lugar nas derradeiras dúas datas: 2-2 ante o Noia e 4-4 na pista do Reus. Por detrás apretan, ademáis destes dous cadros, o mencionado Calafell (42 puntos).
Fronte ó líder da OK Liga
No Palau agardará un Barça que domina a primeira praza con puño de ferro. Son 19 xornadas disputadas co rexistro de 18 triunfos e un só empate. O conxunto culé, como sempre, conta cun plantel especialmente construido coa obriga de gañar tódolos títulos.
Nel habitan varios exliceístas como os irmáns Grau. Carles e Marc, campións da OK Liga baixo o mando de Juan Copa, defenden agora as cores blaugranas. Tamén é o caso de Pau Bargalló, actual máximo realizador de toda a competición con 32 goles. Outro ex que será baixa é Matías Pascual, aqueixado dunha lesión de longa duración.
Toda a expedición en Cataluña
A viaxe a Calafell do pasado xoves foi o inicio dunha estancia de varios días en terras catalás. Aproveitando este novo duelo no Palau, Juan Copa e os seus once pupilos adestraron o venres e o sábado na zona para posibilitar unha viaxe máis agradable ó lugar do encontro.
Chegarán a Barcelona, polo tanto, os seguintes xogadores: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez, Fran Torres e Arnau Canal.
Ó ser once nomes, o técnico deberá decidir un descarte antes do comezo deste importante partido. Así ocorreu na WSE Champions League, onde finalmente o elixido foi un Fabri Ciocale aínda aqueixado dun proceso gripal que xa lle mantivo á marxe en Reus.