Os compases finais deste mes de xaneiro veñen da man dun maratón de hockey que empezará este sábado en Girona. Será un dos dous destinos do Deportivo Liceo (20:00h) nesta semana natural de tres partidos que, ademáis, inaugurará a WSE Champions League.
Este primeiro compromiso de OK Liga levará a Juan Copa e ós seus xogadores ó Pavelló Municipal Palau II, escenario no que loitarán por lograr unha hipotética sexta vitoria consecutiva. Actualmente foron colleitados 33 puntos sobre 42 posibles, un gran rexistro que aúpa ó equipo ó segundo posto da competición.
Unha vez finalizado este partido, o Deportivo Liceo deberá volver inmediatamente ó traballo para preparar o inicio da WSE Champions League en casa do Oliveirense (xoves 26, 22:00h hora española) e un novo choque de OK Liga en Riazor ante o Arenys de Munt (sábado 28, 18:00h).
Un Girona nunha situación complicada
O conxunto dirixido por Ramón Benito atópase inmerso na loita por evitar o descenso. Suma a día de hoxe 12 puntos que lle serven para colocarse como cuarto pola cola diante de PHC Sant Cugat (11), Arenys de Munt (8) e Vilafranca (1).
O Girona conta con 12 puntos que o sumerxen na loita por evitar o descenso.
Destaca aínda así o seu número de goles encaixados: 45, o mellor da zona baixa da OK Liga. Lastran ó Girona, sen embargo, os escasos 24 tantos a favor que converten ós cataláns no segundo peor equipo da competición nese sentido. Borja Ramón é con diferenza o seu mellor anotador con nove dianas anotadas.
Forma parte do plantel xerundense o veteranísimo exliceísta Jaume Llaverola, todavía en activo a pesar dos seus 48 anos. É unha das razóns destes bos números defensivos.
Regresa Sito Ricart
A lista do Deportivo Liceo presenta unha única novidade: a volta de Sito Ricart, que ocupará o posto de Fran Torres. O dorsal 2 regresará así á competición oficial tras non formar parte da convocatoria no pasado encontro ante o Lleida.
O resto da lista queda conformada polos nomes de sempre: Martí Serra, Mati Bridge, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.
Juan Copa: “Xogaremos contra un equipo ben organizado”
O técnico do Deportivo Liceo, nomeado recentemente como o mellor do ano 2022 segundo Mundo Hockey, falou sobre o Girona na previa do encontro: “Xogaremos contra un equipo ben organizado sen desorde e que pode utilizar defensas alternativas para complicarnos o catro para catro, ademáis da seguridade que todavía teñen con Jaume”.
Referiuse, ademáis, a como a urxencia por sumar pode xogar a favor do equipo local: “Están loitando por saír da zona baixa pero a segunda volta fará que as pistas como a súa sexan moi difíciles pola necesidade de puntos”.