O 2022 do hockey sobre patíns chega á súa fin. Vilafranca será a última parada do Deportivo Liceo no ano natural e a visita, como é lóxico, conlevará o obxectivo de sempre: volver á Coruña con tres puntos baixo os brazos. O sábado 17 ás 19:30h, Juan Copa e os seus xogadores sairán á pista da Poliesportiva para loitar por eles.
A meta será a terceira vitoria consecutiva, tralas logradas ante Igualada (5-6) e Caldes (6-0); e así aumentar os actuais 24 puntos do conxunto verdibranco na OK Liga. É o segundo clasificado a nove puntos do líder Barça e do seu pleno de triunfos, aínda que os perseguidores dos liceístas están máis preto: en dous puntos e tres posicións repártense Calafell (terceiro, 23), Reus (cuarto, 22) e Noia (quinto, 22).
A OK Liga regresará o vindeiro 8 de xaneiro.
Unha vez disputado este choque, a OK Liga non regresará ata o 8 de xaneiro do novo 2023. Será o momento no que o Deportivo Liceo recibirá ó Lleida en Riazor.
Proba fronte ó último clasificado
Os últimos rivais do ano serán os actuais pechacancelas. O Vilafranca, en once xornadas, tan só foi quen de colleitar un punto. Foi na súa pista. Tampouco destacan para ben as súas cifras de goles anotados (18, os menos realizadores) e recibidos (49, segundo peor rexistro). O cadro catalán xogará días despois de caer na pista do Noia (3-1).
O contendente desta xornada 12 afrontará o partido co seu novo adestrador: Toni Aranda, que a principios do presente mes de decembro relevou no banco a Toni Porta.
Convocatoria liceísta cun regreso
En canto ó Deportivo Liceo, Juan Copa poderá volver a contar con Sito Ricart. Terá á súa disposición, polo tanto, a todo o plantel. Ó ser once xogadores e non poder exceder os dez na convocatoria, o descartado será Fran Torres.
O Deportivo Liceo chegará a Vilafranca con Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal e Àlex Rodríguez.