Lance de César Carballeira no primeiro partido da eliminatoria. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
As semifinais polo título están a unha soa vitoria e o Deportivo Liceo terá ata dúas oportunidades para lograla. O conxunto de Juan Copa loitará por aproveitar a primeira na súa visita ó Les Comes de Igualada (sábado 20, 19:30h).
O obxectivo está claro: darlle o valor definitivo ó sufrido pero satisfactorio triunfo conseguido o pasado sábado 13, cando o Pazo dos Deportes de Riazor presenciou un duelo que non se decidiu ata a prórroga (5-4). O protagonista será agora o feudo catalán, que na fase regular xa ofrecera outra acción realmente disputada. Decidiuna un gol postreiro de Àlex Rodríguez (5-6).
Este segundo encontro entre cataláns e galegos será retransmitido por OKLIGA.TV (canle de YouTube) e dirixido polos colexiados Sergi Mayor Oliván e Oriol Escobar López. Ambos estarán axudados por David Pedrola Valls.
Un descarte confirmado e un internacional
A expedición con destino ó nordeste da Península non conta con Fabri Ciocale. O técnico liceísta optou por descartalo para cumprir co máximo de dez xogadores permitido nas convocatorias.
Así as cousas, a lista queda composta polos seguintes nomes: Martí Serra, Mati Bridge (porteiro), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Dava Torres, Arnau Canal, Àlex Rodríguez e Fran Torres ‘Tomba’.
Tamén forma parte dela o coruñés César Carballeira, recentemente convocado polo seleccionador nacional Guillem Cabestany para o próximo Campionato de Europa. O torneo xogarase do 17 ó 22 de xullo, cunha sede única aínda por determinar.
Resultados da primeira ronda de partidos
A fin de semana do 13 de maio tivo lugar a primeira remesa de encontros dos cuartos de final.
Cabe lembrar, como se deslizou anteriormente, que esta é a única ronda na que o gañador sae dunha eliminatoria ó mellor de tres encontros. As semifinais e a final disputaranse ó mellor de cinco, tal e como ocorreu o curso pasado.
Estes son os marcadores actuais dos playoffs polo título:
No caso de que o Deportivo Liceo logre un posto nas semifinais, xogaría contra o gañador da eliminatoria entre Calafell e Lleida. Os primeiros están actualmente por diante.
Se este segundo partido deixase un triunfo do Igualada, a criba remataría nun terceiro partido con horario por determinar. O seguro é que se xogaría no Pazo dos Deportes da Coruña, ó contar os verdibrancos co factor pista grazas ó segundo posto da fase regular. Este existirá sempre e cando o camiño non se cruce co do Barcelona (primeiro clasificado).