Chegou o momento da verdade. A OK Liga 22/23 comezará mañá a súa última e máis decisiva etapa cos ansiados playoffs polo título. Neles competirá o Deportivo Liceo de Juan Copa, actual campión que comezará a defender o seu título contra todo un Igualada. O primeiro partido dos cuartos de final terá lugar no Pazo dos Deportes de Riazor (sábado 13, 18:00h).
O novo vencedor da competición sairá entre os seguintes oito equipos, por orde de clasificación na fase regular: o Barça, o propio Liceo, o Calafell, o Reus Deportiu, o Noia, o Lleida, o tamén mencionado Igualada e o PAS Alcoi.
Este encontro inicial entre galegos e cataláns será retransmitido por OKLIGA.TV (canle de YouTube) e dirixido polos colexiados Miguel Díaz Cosme e David Cantos Bonales. Ambos estarán auxiliados por Carlos Chouciño Fernández.
Unha serie ó mellor de tres
A primeira volta deste duro camiño será diferente ó resto: basearase nunha eliminatoria ó mellor de tres partidos. A semifinal e a final serán ó mellor de cinco.
O Deportivo Liceo contará sempre co factor pista salvo que se atope co Barcelona
No enfrontamento concreto entre Liceo e Igualada, son os verdibrancos os que contan co factor pista debido á súa mellor clasificación (segundos contra sétimos). Por esa razón, no caso de que os cuartos de final necesitasen un terceiro encontro, este sería de novo en Riazor cun horario aínda por confirmar. Na pista catalá só se disputará o segundo, que comezará o sábado 20 de maio ás 19:30h (unha semana despois do primeiro).
O gañador desta eliminatoria atoparase nas semifinais contra o Calafell ou contra o Lleida, protagonistas dos segundos cuartos de final do lado dereito do cadro.
Un rival máis que clásico
Na Coruña aterrizará o Igualada, un dos clubs máis importantes do hockey nacional e europeo. O conxunto de Cesc Fernández, campión da OK Liga en cinco ocasións, clasificouse para o playoff grazas á súa sétima posición regular: 33 puntos acadados tras 10 vitorias, 3 empates e 13 derrotas; con 84 goles a favor e 90 en contra.
Os dous choques celebrados na fase inicial remataron con dous triunfos galegos: un duro 5-6 no mes de decembro (gol decisivo de Àlex Rodríguez a falta de dous minutos) e un 5-1 en Riazor a finais do mes de marzo.
Aínda que cun gol bastante repartido, destaca a aportación anotadora dun Gerard Riba autor de 20 dianas.
Pendentes dun descarte
Tal e como ocorreu durante toda a fase regular, Juan Copa deberá facer un descarte para cumprir co máximo de dez xogadores permitidos nas convocatorias. Decidirase no propio día de partido.
Os once están en perfectas condicións para competir, polo que o elixido sairá entre Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Àlex Rodríguez e Fran Torres ‘Tomba’.