Lance do partido de fase regular en Riazor. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Cos dous primeiros partidos rematados, as finais pola OK Liga pasan agora a terras coruñesas. Dos resultados dependerá se durarán un, dous ou tres máis. Por agora o Pazo dos Deportes de Riazor será testemuña de, polo menos, outro enfrontamento entre o Deportivo Liceo e o Barcelona (xoves 15, 20:00h).
Este terceiro encontro da eliminatoria estará dirixido polos árbitros Sergi Mayor Oliván e Jonathan Sánchez García, con Daniel Villar Costa como auxiliar. Como sempre, será retransmitido por OK Liga TV a través da súa canle de YouTube. Tamén se suma a TVG 2, que ofrecerá a acción en directo.
Obrigados á épica
Os de Juan Copa deberán vencer ou vencer, xa que o 2-0 desfavorable deixa ós culés a un só triunfo do título doméstico. Así o din o 5-1 e o 4-1 do Palau Blaugrana. Aínda que enganosos debido ó bo papel liceísta, eses resultados forzan unha situación na que non está permitido ningún tropezo máis dos actuais campións.
Se desta vez saíra vitorioso o Deportivo Liceo, o hipotético cuarto duelo xogaríase de novo no Pazo o próximo sábado 17 ás 20:00h. Se de novo se impuxeran os verdibrancos, o factor pista favorable ó conxunto de Edu Castro (primeiro na fase regular) provocaría o retorno das finais a Cataluña. O partido decisivo disputaríase o mércores 21 ás 20:30h.
Todos dispoñibles a falta dun descarte
Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel para esta data sinalada. Porén, deberá facer un descarte para cumprir co máximo permitido de dez xogadores por convocatoria.
Polo tanto, os homes a disposición do míster para esta nova final serán os seguintes: Martí Serra, Mati Bridge (porteiros), Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Àlex Rodríguez e Fran Torres ‘Tomba’.
Portas abertas para os vestidos de verde
O xoves tamén será o día do Liceísmo, que desde as bancadas poderá axudar ó equipo de forma máis que activa. Tal e como ocorreu na parte decisiva da WSE Champions League, todo aquel que acuda a Riazor cunha prenda verde poderá acceder de xeito totalmente gratuito.
Aínda así, a venda de entradas (5€ para o público xeral) está aberta tanto de forma online como presencial. A primeira realízase a través de Cluber mediante este enlace. Pola súa banda, as taquillas de Riazor permanecerán abertas a partir das 19:00h do propio xoves. Os socios e os abonados provintes do Deportivo, como é natural, deberán presentar as súas credenciais para entrar.