PREVIA OK LIGA (X9) | Regreso á competición

PREVIA OK LIGA (X9) | Regreso á competición

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

O parón polo Europeo que proclamou vencedora a España xa é historia. Un mes e un día despois, a OK Liga volve ás nosas vidas cun partido de alto nivel que esixirá ó Deportivo Liceo o seu maior rendemento. Será unha visita a un irregular aínda que sempre perigoso Caldes (sábado 27, 20:00h, OKLIGA.TV) na que suporá a novena xornada de competición.

Todo un regreso de nivel que probará a capacidade de adaptación de Juan Copa e os seus xogadores, aínda que as catro semanas de pausa non foron precisamente de inactividade. A pesar da ausencia dos internacionais Carles Grau, Marc Grau, César Carballeira e Roberto Di Benedetto, o resto do plantel adestrou e disputou amistosos (dous ante o Alcobendas de OK Liga) para manter a forma.

O obxectivo será o de vencer e xerar presión ó Barcelona, actual líder con 24 puntos, á vez que afianzar a posición nobre do Liceo na clasificación. O conxunto verdibranco suma 19 unidades de 24 posibles, 41 goles a favor e 25 en contra. Tan só cedeu unha moi pelexada derrota no Palau Blaugrana e un empate na pista do Lleida, sendo o resto un pleno de vitorias. O último compromiso foi un contundente triunfo en Riazor ante o PAS Alcoi (7-3).

Cos internacionais e sen Maxi Oruste

Juan Copa poderá contar na súa visita ó Caldes cos campións e o subcampión do Europeo de Paredes: Carballeira, Di Benedetto e os irmáns Grau. Sen embargo, Maxi Oruste causará baixa debido a unhas molestias de pubis. Nanu Castro, xogador do OK Prata habitual na dinámica do primeiro equipo, entrará na convocatoria.

Nanu Castro sustituirá a Maxi Oruste na convocatoria. IMAXE: HOCKEY GLOBAL.

A lista estará completada por Martín Garaboa, Jordi Burgaya, Jordi Adroher, Àlex Rodríguez e o capitán Dava Torres. Tódolos integrantes da expedición viaxarán despois de dar negativo nas probas de detección de COVID-19.

Un Caldes irregular pero esperto

Falar do Caldes de Eduard Candami é facelo sobre un dos equipos máis perigosos da OK Liga, pero o seu inicio de curso non foi demasiado positivo. As súas primeiras seis xornadas non deixaron ninguna vitoria e o conxunto catalán chegou incluso a ocupar postos de descenso, aínda que os seis puntos de seis nos dous choques recentes ante Alcoi e Palafrugell revitalizaron as súas aspiracións.

É un grupo que sempre conta con armas para poñerlle as cousas complicadas ó Liceo. Viviu a baixa do exverdibranco Sergi Miras, pero conta con outros grandes activos como Álvaro Giménez, Lluís Ricart ou Xavi Rovira, actual máximo goleador (nove dianas). En definitiva, o seu potencial e o factor pista convertirán o regreso á OK Liga nunha importante proba.

Deixa un comentario