Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Dous días despois de rozar unha nova machada en Barcelona, o Deportivo Liceo debe afrontar outra proba: a de vencer no Pazo dos Deportes a un recén ascendido como o PAS Alcoi (martes 26, 21:00h, HOCKEY GLOBAL). Será o derradeiro partido da OK Liga antes do parón internacional dun mes, debido á celebración do Europeo de Seleccións.
Juan Copa e os seus xogadores disputarán este enfrontamento na segunda posición, con 16 puntos de 21 posibles e tras caer no Palau Blaugrana nun duelo de poder a poder.
Como ir ó Pazo dos Deportes?
Para este novo choque, o club desexa que Riazor sexa outra vez unha caldeira. Coma sempre, dispóñense varios escenarios para tódolos liceístas que queiran animar a Juan Copa e ós seus xogadores.
O primeiro deles está novamente destinado ós abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo. Haberá 500 pases dispoñibles sen máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante o seguinte link de Cluber:
Na chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo. Serán indispensables para poder acceder.
O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán amosar o código QR do seu carnet dixital á hora de entrar. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos. Polo tanto, neste caso non será necesaria maior xestión.
Por outra parte, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas dispoñibles a un prezo de 5€ cada unha. Adquiriranse de forma online mediante outra ligazón de Cluber:
¡Liceístas, agardámosvos no Pazo dos Deportes de Riazor!
Ante un recén ascendido
Sería un erro minusvalorar ó PAS Alcoi de Lorenzo Pastor por esa condición. Regresou á OK Liga con máis forza que nunca e iso demostran os seus resultados: oito puntos froito de dúas vitorias, dous empates e tres derrotas; útiles para auparse a un meritorio sétimo posto. Aterrizará en Galicia, iso si, despois de caer ante o Caldes (3-6).
Parte importante de culpa deste gran rendemento básase nas boas cifras goleadoras de dous dos seus homes: Gonzalo Pérez (8) e o novísimo Iván Morales (7). Armas hai para facer dano á portería de Carles Grau.