PREVIA OK LIGA (X4) | Volve o capitán

PREVIA OK LIGA (X4) | Volve o capitán

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Meses despois, xa está aquí. A lesión que apartou a Dava Torres das pistas xa é pasado, así que o Pazo dos Deportes poderá disfrutar do regreso do seu capitán no novo compromiso do Deportivo Liceo (sábado 9, 20:00h, HOCKEY GLOBAL). Visitará Riazor o Voltregà, escollo que Juan Copa e os seus deberán superar para continuar a loita polo primeiro posto da OK Liga.

Os verdibrancos ocupan actualmente o segundo, grazas ós sete puntos sobre nove posibles que colleitaron nas tres primeiras xornadas. Comezaron cunha vitoria contra o Girona (3-1), continuou un empate en Lleida (3-3) e, para rematar, outro triunfo en Calafell (6-8). O único por encima do Liceo na clasificación é o Barcelona, que gañou os tres choques que disputou.

Con todos dispoñibles

O regreso de Dava Torres á convocatoria, xa recuperado da súa lesión, implica que Copa poderá contar con tódolos xogadores do primeiro plantel: Carles Grau, Martín Rodríguez, César Carballeira, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Adroher, Jordi Burgaya, Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez e o propio capitán liceísta. Por iso, non completará a lista ningún home do OK Prata.

Juan Copa confía nas posibilidades de tres puntos dos seus xogadores, ós que ve con cada vez máis forma: “En cada partido somos mellores e é o que temos que seguir traballando. Buscar a versión óptima do equipo. Ademáis, temos ganas de xogar en casa despois de dous partidos fóra”, comentou o técnico.

Un Voltregà en problemas

Visitará Riazor o Voltregà de Manolo Barceló, que xa puxo nunha situación difícil ó Liceo durante a pasada Copa do Rei. Non foi o mellor comezo de tempada do conxunto catalán, aínda así, xa que aterrizará en A Coruña como último clasificado da OK Liga. Todo iso tras tres partidos nos que sumou un punto, froito dun empate ante o Caldes. Completan o seu rexistro dúas derrotas ante o Barça (2-3) e o Alcoi (8-2).

De todas maneiras, un prudente Juan Copa opta por non fiarse dos seus últimos resultados: “Recibimos a un equipo que sempre é complicado, sobre todo contra os grandes. Defende ben e sabe aguantar a bóla. Imos ter que facer un traballo bastante serio, intentar ser pacientes e ter coidado coas súas transicións”.

Deixa un comentario