PREVIA OK LIGA (X25) | Contra o Noia no Agra I

PREVIA OK LIGA (X25) | Contra o Noia no Agra I

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Quedan dúas datas de fase regular nesta OK Liga 21/22 e a primeira delas será de local, aínda que lonxe do Pazo dos Deportes. Por motivos loxísticos, o Deportivo Liceo recibirá ó Noia no Polideportivo Agra I da Coruña (mércores 6, 21:00h) e fronte a 150 espectadores. O partido, debido ó inminente comezo da Golden Cup, foi trasladado da fin de semana.

Unhas circunstancias tan excepcionais como temporais dentro dun escenario plácido. Coa segunda praza xa asegurada, o conxunto de Juan Copa afrontará este complicado duelo sen necesidades clasificatorias e como unha boa oportunidade para mellorar aínda máis as súas sensacións de cara ó playoff. Os deberes, de momento, xa están feitos grazas a un excelente rexistro de 59 puntos sobre 72 posibles.

Sen baixas

Por segunda xornada consecutiva, o preparador coruñés poderá contar con tódolos seus homes. Non haberá ausencias nunha lista formada por Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.

Un Noia reforzado e perigoso

Ó falar deste compromiso facémolo dun segundo contra terceiro. A posición do histórico Noia refrenda o seu gran rendemento ó longo do curso, así como a súa melloría tanto individual como grupal con respecto ó pasado. O equipo dirixido por Pere Varias conta con 50 puntos, seis máis có cuarto.

Referímonos tamén ó terceiro máximo goleador da OK Liga grazas á aportación de numerosos xogadores. Lidera o rexistro Eloi Mitjans con 29 dianas e van tras el tanto Xavi Costa como o exliceísta Jordi Bargalló, ambos con 18. Roc Pujadas anotou 17 e Aleix Esteller un total de 13, polo que o Noia demostrou capacidade para facer dano con calquera dos seus nomes.

O precedente da primeira volta deixou unha acción disputada que rematou con empate (5-5, xornada 12).

Deixa un comentario