PREVIA OK LIGA (X22) | Recuperarse

PREVIA OK LIGA (X22) | Recuperarse

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Os tropezos cúranse mellor con vitorias. Esa é a meta do Deportivo Liceo, que ante o Caldes (sábado 19, 17:00h) procurará compensar a derrota sufrida na pasada xornada. O Pazo dos Deportes será o escenario dun partido de gran nivel contra un rival que, aínda que non esté no seu mellor momento, sempre supón un perigo a ter en conta.

Juan Copa e os seus xogadores contarán con algunhas baixas importantes, pero as ganas de reforzarse na clasificación continúan intactas. Actualmente presenta ó Deportivo Liceo como segundo clasificado con 50 puntos de 63 posibles, oito menos que un forte Barcelona. Un rexistro, aínda así, de gran valor.

O Deportivo Liceo continúa como segundo clasificado con 50 puntos de 63 posibles.

O técnico coruñés é conscente da importancia deste novo compromiso: “Son tres puntos importantes, vimos dunha derrota inesperada. Xa restan poucas xornadas de fase regular e necesitamos o triunfo para manter a posición”.

Sen Adroher nin Rodríguez

As ausencias mencionadas serán as de Jordi Adroher e Àlex Rodríguez. O primeiro continúa convalecente das súas molestias, mentres que o ex do Reus cumprirá sanción por acumulación de cartóns azuis. Nanu Castro, habitual do primeiro equipo, formará parte da convocatoria.

Unha lista cos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Maxi Oruste, Dava Torres, Jordi Burgaya, Roberto Di Benedetto, Marc Grau e o propio Nanu.

Un Caldes en mala racha

Non é o mellor momento de forma do Caldes de Eduard Candami, un equipo inmerso unha racha negativa de resultados. Suma cinco derrotas de xeito consecutivo ante Palafrugell, Barça, Alcoi, Reus e Igualada. Clasificatoriamente, iso si, están moi lonxe dos apuros. Ocupan a oitava posición con 25 unidades.

Imaxe: Kilian Càtedra.

O precedente da primeira volta é positivo para os intereses liceístas, xa que deixou unha vitoria verdibranca por 1-6.

Como ir ó partido?

O compromiso do Deportivo Liceo ante o Caldes, a celebrar no Pazo o vindeiro 19 de marzo (17:00h), continuará o noso duro camiño na OK Liga 21/22. Por iso, Juan Copa e os seus xogadores necesitarán o maior apoio posible nas gradas do recinto coruñés.

Como é habitual, dispóñense varios escenarios de adquisición de pases para os liceístas que desexen animar ó equipo.

O primeiro deles está novamente destinado ós abonados beneficiarios do convenio co Real Club Deportivo. Haberá 500 pases dispoñibles sen máis custo que o tempo adicado á xestión, a realizar mediante o seguinte link de Cluber:

Na chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo. Serán indispensables para poder acceder.

O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o código QR do seu carnet dixital á hora de entrar. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos. Polo tanto, neste caso non será necesaria maior xestión.

Para rematar, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas a un prezo de 5€ cada unha. Adquiriranse de xeito online mediante outra ligazón de Cluber:

Queremos veros no Pazo, Liceístas!

Normativa sanitaria de acceso

Ademáis de presentar os documentos anteriores, tamén será necesario un paso máis. Trala publicación do DOGA do 17 de decembro esíxese que, nas instalacións deportivas que esperen unha afluencia superior a 200 espectadores, se comprobe antes do acceso que os asistentes maiores de 12 anos estén en posesión dalgún documento que acredite unha destas situacións:

  • Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Reglamento (CE) nº 726/2004.
  • Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán están enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01 do Consello de Europa.
  • Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa debe ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 fai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, non sendo válido outro tipo de test.

Liceístas, agradecemos a vosa responsabilidade e paciencia. En mans de todos está que poidamos seguir disfrutando sen problemas de Riazor. Xa queda menos!

Deixa un comentario