Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Non é moi habitual empezar unha liga na segunda xornada, pero así foron as circunstancias do Deportivo Liceo. O supercampión de España regresará á competición doméstica o vindeiro sábado 25 (21:00h, HOCKEY GLOBAL). Todo vén despois de que a data inicial, a disputar contra o Lleida, fora adiada polos compromisos europeos do conxunto catalán.
Dará comezo unha OK Liga 21/22 moi diferente á 20/21 por un simple feito: a celebración dun playoff polo título entre os mellores equipos da fase regular. A estrea liceísta será ante o Girona no Pazo dos Deportes, recinto ó que poderán acceder tódolos socios do club.
Juan Copa, adestrador do equipo, reflexa o desexo de comezar de todo o grupo: “Temos ganas e máis en casa, coa nosa xente. Procuraremos empezar con bo pé e sumar de tres contra un equipo que vén de gañar o primeiro partido”.
Con Nanu Castro na lista
O técnico afrontará este choque inicial coa baixa xa confirmada de Dava Torres, aínda doente da súa lesión. O seu sustituto será un habitual das convocatorias do primeiro equipo: Nanu Castro.
Polo tanto, ademáis do xogador do OK Prata, o Liceo contará cos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez, Jordi Adroher, Marc Grau, Jordi Burgaya e Maxi Oruste.
Un Girona sempre perigoso
O primeiro rival do Deportivo Liceo na OK Liga 21/22 será o mencionado Girona, un equipo que xa saltou á pista na xornada 1. Fíxoo con vitoria (2-1) ante o forte Caldes, grazas a dous goles de Gerard Pujol. A motivación froito dese triunfo será un dos inimigos do Liceo durante o enfrontamento do Pazo.
As armas do cadro xerundense, esta vez sen o seu pichichi David Gelmà no plantel, pasarán por outros homes importantes como o propio Pujol (segundo goleador do curso pasado). Tamén por Àlex Grau (irmán dos liceístas Carles e Marc) ou Gerard Rovira, resgardados por un auténtico clásico como Jaume Llaverola. O ex do Liceo continúa como dono da portería ós seus 46 anos.
Os precedentes máis recentes, correspondentes á tempada 20/21, amosan dúas vitorias verdibrancas. A primeira foi por 4-1 no Pazo dos Deportes, seguida dunha segunda por 1-3 no Palau II. O Girona finalizou a competición como décimo clasificado (38 puntos).