PREVIA OK LIGA (X17) | A seguir

PREVIA OK LIGA (X17) | A seguir

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Non hai outro obxectivo esta fin de semana que o de sumar un quinto triunfo consecutivo. Para conseguilo, o Deportivo Liceo de Juan Copa sairá o sábado á pista do Voltregà (20:00h, OKLIGA.TV), un rival sempre duro que buscará dicir a última palabra deste asunto.

O Pavelló Oliveras de la Riva será o escenario dun choque de alto nivel no que os verdibrancos (segundos, 41 puntos) quererán mellorar as vitorias fronte a Calafell (5-3), Girona (1-5), Lleida (4-1) e Manlleu (9-3). Tamén continuar dando guerra polo primeiro posto da fase regular desta OK Liga, actualmente ocupado polo Barça (48 puntos).

Cos mesmos que venceron ó Calafell

Copa non contará con ningunha variación na convocatoria respecto á do pasado partido contra o Calafell. Desta maneira, a lista completa estará formada polos seguintes homes: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher. O técnico eloxiou na previa o “bo nivel” ofrecido por todos eles.

Maxi Oruste continuará de baixa debido á súa lesión de pubis

A única baixa do primeiro equipo será Maxi Oruste, que seguirá o proceso de recuperación da súa pubalxia.

Un equipo rocoso e problemático

O conxunto de Manolo Barceló é un dos clásicos absolutos da OK Liga. Na súa edición 21/22, polo momento, ocupa a novena praza grazas ós 14 puntos que xuntou (catro vitorias, dous empates e dez derrotas). Ante o Liceo buscará repoñerse dunha racha de catro encontros sen vencer na competición.

Imaxe: DAVID VALIENTE (@HockeyVali).

Conta con armas como para meterlle en problemas. Xogadores como Arnau Canal e Gerard Teixidó alzáronse como os grandes estandartes goleadores do curso con doce e trece dianas respectivamente. Juan Copa, técnico liceísta, é conscente da dificultade do duelo: “É un equipo que axusta moito os resultados e que vén de facer un bo partido en Europa. En Caldes tamén xogou moi ben”.

O precedente da primeira volta, iso si, é favorable ó lado coruñés, xa que foi o vencedor do choque celebrado no Pazo dos Deportes (4-0 con goles de César Carballeira e Jordi Adroher, este en tres ocasións).

Deixa un comentario