PREVIA OK LIGA (X15) | Volta á actividade

PREVIA OK LIGA (X15) | Volta á actividade

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A pandemia de COVID-19 continúa provocando estragos nas competicións deportivas e a OK Liga non é unha excepción. É a razón pola que o Deportivo Liceo romperá en Girona (sábado 22, 20:30h, OKLIGA.TV) unha racha de 14 días sen competir. Sete antes debía enfrontarse ó Lleida en Riazor, pero un brote de positivos no rival obrigou á suspensión do partido.

Non ocorrerá neste, salvo xiros de última hora. O Municipal Palau II acollerá un duelo entre dous equipos opostos en canto a situación clasificatoria: segundo contra penúltimo.

No caso do Liceo de Juan Copa, un posto gañado a base de traballo e sacrificio. Son 32 puntos de 39 posibles tras dez triunfos, dous empates e unha derrota (esta última, ante un líder que gañou todo). Fronte ó Girona tocará seguir loitando por ese primeiro posto ocupado polo Barcelona, a única meta a alcanzar mentres as matemáticas o permitan.

Lista con dúas baixas e unha entrada habitual

O técnico liceísta non poderá contar para este encontro con Maxi Oruste e Jordi Adroher, todavía convalecentes dos seus respectivos problemas físicos. A convocatoria incluirá a Nanu Castro, xogador do OK Prata cunha participación xa considerable no primeiro equipo.

Nanu Castro formará parte novamente da lista de Juan Copa. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

A lista completa queda formada polos seguintes xogadores: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Marc Grau, Roberto Di Benedetto e o propio Nanu.

Un Girona en problemas

Non é a mellor tempada do conxunto dirixido por Ramón Benito, actual penúltimo da OK Liga. Tan só logrou xuntar oito puntos nos 14 partidos que disputou e pecha a cola na lista de goleadores da competición (28, dous por encontro).

Aínda así, o equipo conta co seu espírito e cunhas individualidades a ter en conta. 23 goles dos 28 repártense entre os seus tres homes chave no aspecto ofensivo: Gerard Pujol, Carles Sánchez e Raúl Pelícano. Iso por non falar da portería, ocupada por un Jaume Llaverola que aínda mantén un gran estado de forma.

Deixa un comentario