PREVIA OK LIGA (X11) | Continuar o camiño

PREVIA OK LIGA (X11) | Continuar o camiño

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

O penúltimo partido de 2021 pasará pola pista de Riazor. Será o escenario no que o Deportivo Liceo reciba ó Alcobendas co obxectivo de sumar de tres por cuarta vez consecutiva. Un compromiso trampa contra o colista no que non deberá aparecer clase algunha de exceso de confianza. Será vital de novo o apoio da grada, tal e como ocorreu no recente 6-1 ante o Palafrugell.

Unha vitoria engadiría máis unidades ás 25 coas que conta actualmente o conxunto de Juan Copa, instalado na segunda posición da OK Liga. O camiño pasará por continuar a presión ó Barcelona, líder con 30 despois do seu pleno de vitorias.

Lista de convocados

Para este choque, o técnico liceísta contará con dous xogadores do filial: Nanu Castro (xa habitual) e o porteiro Mati Bridge. Completarán a lista os seguintes homes do primeiro equipo: Carles Grau, Dava Torres, Jordi Adroher, Jordi Burgaya, Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez e Marc Grau. Maxi Oruste, César Carballeira e Martín Garaboa continúan de baixa.

Reencontro co Alcobendas

Non será a primeira vez durante o curso na que o conxunto madrileño visite o Pazo. Dous dos amigables disputados durante o parón do Europeo foron contra este rival, pero o do sábado será o primeiro encontro oficial. Nel, o equipo do exliceísta Marcos Rey terá a meta de coller aire dentro da súa complicada situación. Ocupa a última praza da OK Liga, aínda que cun partido menos.

Imaxe: CP Alcobendas.

Juan Copa ten claro o que se pode agardar do Alcobendas: “Probablemente atopemos un partido similar ó do Palafrugell, contra un rival que esperará e atacará con contras. Creo que o equipo está ben e intentaremos seguir pola mesma liña”.

Como ir ó Pazo dos Deportes?

Por 5€, ou incluso de xeito gratuito, tódolos liceístas que o desexen poderán asistir a Riazor para presenciar o partido. Organizáronse os tres escenarios habituais de adquisición.

No primeiro deles, adicado ós abonados do Real Club Deportivo, haberá 500 pases gratuitos dispoñibles. Non existirá máis custo que o tempo da xestión, a levar a cabo mediante a seguinte ligazón de CLUBER:

No momento da chegada ós aledaños do Pazo dos Deportes, as persoas que apliquen esta posibilidade terán a obriga de presentar dous documentos: o código QR proporcionado por Cluber e o carnet do Real Club Deportivo.

O segundo escenario aplicarase ós socios do Deportivo Liceo, que deberán mostrar o código QR do seu carnet dixital no momento de acceder ó Pazo dos Deportes. Será a medida habitual mentres se xestionen os pases físicos.

Para rematar, o público xeral que desexe asistir ó encontro conta con entradas a un prezo de 5€. Adquiriranse de xeito online mediante outro link de CLUBER:

Deixa un comentario