Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).
Juan Copa e os seus xogadores teñen ó alcance das mans a súa entrada na xa gloriosa historia do Deportivo Liceo. O listón non estaba precisamente baixo. Lograrán esta fazaña se triunfan ante o CH Palafrugell (luns 7, 20:00h, HOCKEY GLOBAL) e plasman a undécima vitoria consecutiva en once partidos. Na mente está o actual record de 10 de 1992, xa igualado, con nomes da talla de Huelves e Martinazzo na mesa. Aquel ano, o Liceo proclamouse Campión de Europa.
De todas formas, se algo saben Copa e os seus é que a festa pode saír mal cando menos o esperas. Xa ocorreu na pasada tempada, cando tamén existía a oportunidade de batir esta marca. Chegou o Taradell e baixou ós verdes á terra. O obxectivo pasa por non repetilo e por afianzar todavía máis o merecido primeiro posto na OK Liga.
Para ben ou para mal, ocorrerá na xornada que poñerá ós liceístas ó día en canto a encontros xogados: “É un partido importante. Necesitamos sumar eses tres puntos para sellar a nosa vantaxe real”, declarou Juan Copa. O Deportivo Liceo, que estará arropado por 500 persoas, xogará apenas 72 horas despois da súa vitoria ante o Girona. O técnico liceísta tamén considera este como un factor a ter en conta: “O feito de que agora haxa tantos partidos non é fácil, todo o contrario”.
Baixa de Dava Torres
Dava Torres, capitán do Liceo, é baixa confirmada para o partido ante o Palafrugell. A convocatoria estará completada por Pablo Parga e Nahuel ‘Nanu’ Castro, xogadores do OK Prata xa habituais na dinámica do primeiro equipo. Na lista de Juan Copa si estarán o resto dos homes que intentarán facer historia: Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Maxi Oruste, Marc Grau, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.
Un Palafrugell golpeado pero perigoso
O rival do Liceo será o CH Palafrugell, que procurará truncar a festa local. O equipo de Xavi García é probablemente o máis afectado pola situación actual de pandemia. Si en casos positivos, pero as súas consecuencias deportivas -a pesar de existir- foron afrontadas pola súa parte dunha forma medianamente boa. Este tan só será o seu sétimo partido, pero os resultados ata agora non son para nada negativos: dúas vitorias, tres empates e unha soa derrota. Como ben dixo Juan Copa na previa do partido, “hai que ter respeto polo rival”.
O Palafrugell viaxará a A Coruña cunha convocatoria formada por nove xogadores: Marcel Luzón ‘Linu, Jordi Pinsach, Edu Viella, Mikel Abeal, Franco ‘Caco’ Ceschin, Albert Querol, Marc Figa (máximo anotador con 5 goles), Borja Ramón e Sergi Canet.