Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).
Gañar seis partidos de seis xa ten o seu mérito, pero facelo dentro dunhas circunstancias tan especiais e cambiantes magnifica aínda máis o logro. De todas maneiras, o Deportivo Liceo deberá superar agora unha gran proba en forma de maratón de partidos, froito das mencionadas circunstancias. Será en Cataluña e en apenas tres días, nos que xogará ante o CP Voltregà (mércores 18, 20:00h, OKLIGA.TV e Esport3) e o CH Lloret para poñerse ó día na competición nacional.
Na mesa está recuperar a primeira posición perdida polos sufridos adiamentos. Os 18 puntos de 18 posibles elevan neste momento ao Liceo ata a cuarta, pero con dúas datas menos que os tres equipos que o superan na táboa: Lleida, Reus Deportiu e Barcelona, este último líder con 21 unidades. Juan Copa e os seus afrontarán o reto con confianza, tras vencer con rotundidade por 10-3 ao Vic tres días antes do primeiro choque de esta dura dobre proba.
Di Benedetto non viaxará a Cataluña
Non poderá formar parte da expedición o goleador Roberto Di Benedetto, que xa foi baixa ante o Vic. ‘Roby’ continúa en plena recuperación dos problemas de espalda que lle impediron xogar ese partido, pero non chegou a tempo para unirse ós seus compañeiros nos dous choques en terras catalás.
Si viaxará Nahuel ‘Nanu’ Castro, xogador do OK Prata que xa completou noutras ocasións as convocatorias de Juan Copa. Obviando a incidencia de Di Benedetto e a inclusión de Nanu, o Deportivo Liceo irá a Cataluña cos de sempre para procurar vencer nas resituadas xornadas 5 e 7: Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher, Maxi Oruste e Marc Grau.
Un Voltregà tan perigoso como accidentado
O CP Voltregà, primeiro rival do equipo coruñés neste pequeno maratón, é un dos equipos máis tocados pola COVID-19 de toda a OK Liga. En canto a consecuencias deportivas da pandemia, se o Liceo está afectado polos partidos adiados, o equipo de Manolo Barceló lévase a palma. Son catro as datas pendentes do conxunto catalán, que a pesar de todo completou un rexistro considerable: dúas vitorias, un empate e unha derrota.
Juan Copa xa mostrou o seu respeto ao Voltregà días antes de que suspenderan o partido da xornada 5: “É un equipo que cambiou e que fichou ben, xente xoven con calidade. Voltregà sempre é unha pista complicada”, declarou o míster liceísta a Hockey Global.
Todo listo para esta carreira de fondo. A primeira parada será no Pavelló Municipal Oliveras de la Riva de Voltregà, coas cámaras de OKLIGA.TV e de Esports3 como testemuñas.