Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
A loita continúa, pero xa comeza a vivir o seu final. Ó Deportivo Liceo só lle quedan seis partidos de OK Liga, sendo un deles o que inaugurará a súa 27º xornada. Recibirá ó CP Calafell (venres 23, 19:30h, HOCKEY GLOBAL) no penúltimo compromiso da competición no Pazo dos Deportes, ó que todavía debe viaxar o sempre perigoso Reus Deportiu. O obxectivo de Juan Copa e os seus xogadores, todavía con dous partidos pendentes (Vendrell e Palafrugell) con respecto ó seu perseguido e 64 puntos colleitados, é gañar todo e agardar un tropezo do propio Barcelona (71 unidades).
A confianza para afrontar este penúltimo reto (aínda restará disputar a Copa do Rei en A Coruña) non pode ser mellor. O Liceo suma actualmente seis vitorias consecutivas, a máis recente na pista do Girona (1-3). Máis de dous meses de OK Liga con pleno de vitorias.
Todos dispoñibles para continuar o camiño
O do Palau de Girona foi un triunfo especialmente meritorio sobre todo no aspecto mental, tras non superar o primeiro corte da OK Euro: “Tocaba un partido difícil e fixemos o que debíamos facer. A reacción do equipo foi boa. Sempre é así cando recibimos un contratempo e iso fala moi ben do grupo”, afirmou Copa.
Ese grupo pretenderá sumar a súa sétima vitoria consecutiva con tódolos seus membros dispoñibles: Carles Grau (recén renovado ata 2022), Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Fabri Ciocale, Marc Grau, Roberto Di Benedetto, Maxi Oruste e Jordi Adroher.
Un Calafell perigoso
O penúltimo visitante do Pazo, dirixido por Pere Varias, é un conxunto ante o que non debe caber infravaloración algunha. A pesar do que diga a súa posición clasificatoria, décima con 30 puntos, o Calafell (que vén de vencer por 4-8 en Palafrugell) logrou poñer en problemas e incluso dobregar a equipos da zona noble. Na súa pista, o Barcelona sudou tinta para vencer (3-6) e o Reus foi derrotado (5-4).
Juan Copa é plenamente conscente de que o seu vindeiro rival pode xerar varios problemas: “É un equipo ben dirixido. Ten bos xogadores e unha portería con moito futuro. Tamén a un home como Eloi Mitjans, que é moi perigoso”. Non lle falta razón, xa que o xogador do Calafell suma un total de 29 dianas no que vai de curso. Sergi Torné, outro home a ter en conta, tamén xerou 19 entre goles e asistencias.
No duelo da primeira volta, celebrado no mes de decembro, o Deportivo Liceo logrou vencer por 0-4. Outra vitoria semellante permitiría seguir loitando polo liderado, pero hai que lograla. O encontro poderá seguirse en directo grazas á plataforma HOCKEY GLOBAL.