Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Europa xa é pasado, polo menos durante o que resta de tempada. O chip da OK Liga reaparece de novo na cabeza do Deportivo Liceo de Juan Copa para completar un obxectivo: dar guerra ata a fin. A primeira das súas sete derradeiras paradas pasará polo Pavelló Municipal Palau II de Girona para xogar contra o equipo local (sábado 17, 20:00h, OKLIGA.TV) e procurar presionar o máximo posible ó líder.
A distancia con respecto ó Barcelona é de sete puntos, pero os liceístas aínda teñen dous choques pendentes. Son as visitas ó Vendrell e ó Palafrugell, adiadas no seu día pola aparición de positivos en COVID-19 dentro dos seus planteis. Entre unha cousa e outra, o do Girona será o terceiro partido de competición doméstica en pouco máis dun mes. Os dous anteriores remataron en vitoria verdibranca: 1-4 ante o CP Vic (14 de marzo) e a heroica lograda fronte ó Noia, con gol de Jordi Adroher a falta dunha décima de segundo (4-3, 26 de marzo).
Cambio de rexistro
Así será, en verbas de Juan Copa. O Liceo regresará á OK Liga trala súa disputa da primeira fase da OK Euro, rematada cun empate (Barcelona) e cunha derrota (Benfica) insuficientes para lograr un posto na Final Four. De feito, ningún equipo da competición nacional foi quen de conseguilo. Agora é o momento de dirixir a mente ós dous trofeos que quedan.
O técnico coruñés explicouno ben nos micrófonos de HOCKEY GLOBAL: “Hai que seguir. Hai opcións e imos pelexar nos partidos que restan. Aínda queda a OK Liga e a Copa do Rei, así que cabeza alta. Agora temos un complicado en Girona, nunha pista difícil. Temos un calendario de nivel pero que axudará para coller forma de cara á Copa”.
Ademáis do de Girona e dos dous adiados (Vendrell e Palafrugell), dito calendario traeralle ó Deportivo Liceo enfrontamentos contra Calafell (casa), Caldes (fóra), Reus (casa) e Lleida (fóra).
A Girona para avivar unha dinámica positiva
O Pavelló Municipal Palau II pode ser o escenario dunha hipotética sexta vitoria consecutiva. Á derrota no Pazo fronte ó Barcelona seguíronlle cinco triunfos con Mataró, Voltregà, Lloret, Vic e Noia como vítimas, pero a loita debe continuar.
Esperará un Girona sen complexos, gozoso dunha cómoda sétima posición na clasificación (34 puntos froito de nove vitorias, sete empates e nove derrotas) e con David Gelmà como estandarte principal. O encontro da primeira volta deixou un 4-1 favorable ó Liceo, co regreso a Riazor dun clásico como Jaume Llaverola.