Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Na situación sanitaria actual, os partidos suspendidos por positivos en COVID-19 convertéronse nunha triste rutina. O que debía enfrontar a Vendrell e Deportivo Liceo o sábado 20 de marzo sumouse a esa lista, o que provocou unha semana máis sen competición para Juan Copa e os seus. Esta “inactividade” chega agora á súa fin coa visita do CE Noia Freixenet (venres 26, 19:30h, HOCKEY GLOBAL) no encontro correspondente á xornada 25 da OK Liga. O último foi a vitoria ante o CP Vic por 1-4, datada do 14 de marzo.
Ante 250 liceístas que poboarán os asentos do Pazo dos Deportes, o Liceo buscará a súa quinta vitoria consecutiva e recortarlle distancia ó Barcelona. O equipo culé empatou na pista do Reus Deportiu mentres o coruñés vivía o seu descanso forzado, o cal abriu máis a loita polo título. De todas maneiras, o Deportivo Liceo todavía debe recuperar dous partidos: Vendrell e Palafrugell. Dentro desta circunstancia, a clasificación actual amosa a un Barça líder con 65 puntos e a un conxunto coruñés segundo con 58.
A pesar desta serie de cambios inesperados, Juan Copa non quita o ollo do obxectivo do equipo: “Nós temos que facer o noso camiño, que non é outro que sumar de tres en tres. Todo o que queda son finais. Vexo ó equipo moi ben, cada vez mellor, e iso da moita confianza. Queremos facer un bo partido ante a xente que poida vir”, declarou o técnico a HOCKEY GLOBAL.
Derradeira parada antes da Liga Europea
Este será o derradeiro partido liguero antes da disputa da primeira fase da Liga Europea. O Deportivo Liceo viaxará á localidade portuguesa de Luso (Mealhada) para enfrontarse ó Barcelona e ó Benfica, respectivamente, os días 9 e 10 de abril. Un dos integrantes da expedición será o recén renovado Marc Grau, contento por ampliar o seu vínculo co club ata 2022: “É un dos mellores do mundo e cun proxecto moi ambicioso. Espero seguir crecendo como xogador e aportar moitas cousas”, comentou o atacante.
Coa vista no presente, o Deportivo Liceo afrontará o partido de OK Liga ante o Noia con todo o plantel dispoñible. Ademáis do de Marc Grau, ex do conxunto catalán, tamén están na palestra tres nomes propios: o seu irmán Carles Grau, César Carballeira e Jordi Adroher, preseleccionados por España para o Campionato de Europa 2021.
✅ CARLES GRAU, CÉSAR CARBALLEIRA e JORDI ADROHER, entre os preseleccionados da Selección Española para o Campionato de Europa 2021.
➡️ A lista definitiva coñecerase antes do 15 de xuño.
📸 @hockeyglobal #Liceístas pic.twitter.com/nvFdAxoerH
— Hockey Club Liceo (@HockeyclubLICEO) March 25, 2021
Un Noia realmente traballado
Vencer ó CE Noia Freixenet non é unha misión precisamente sinxela. O conxunto de Ferran Andreu forma parte dos mellor traballados e máis perigosos de toda a OK Liga, tanto por colectivo como por individualidades. Neste último aspecto destacan xogadores de gran nivel como Xavi Costa, un dos goleadores máis importantes da competición (28 dianas).
O Noia é o actual sétimo clasificado da OK Liga con 33 puntos, pero ó igual que no caso do Liceo conta con dous partidos pendentes froito das suspensións derivadas do coronavirus. Aínda así, viaxará ó Pazo dos Deportes de Riazor cunha racha de tres triunfos consecutivos baixo o brazo (4-6, 5-4 e 3-5 ante Palafrugell, Voltregà e Mataró).