Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Cando os acontecementos veñen mal dados, hai dúas opcións: renderse ou afrontalos. Sen dúbida algunha, a segunda é a elixida por un Deportivo Liceo que viaxará a Mataró (xoves 11, 20:00h, OKLIGA.TV) no momento máis complicado da tempada. Dúas derrotas consecutivas, a última delas fronte ó Barcelona, colocaron ós verdibrancos a tres puntos do liderado e con golaveraxe en contra.
Aínda así, a OK Liga non rematou. Todo o contrario. Quedan 12 xornadas de loita nas que todo pode pasar, a pesar dos recentes golpes recibidos. Juan Copa, adestrador do Liceo, deixou moi clara esta premisa nos micrófonos de HOCKEY GLOBAL: “O que temos que facer é sumar de tres para ver se o Barça se equivoca. Quedan pistas moi difíciles para todos. Agora é o que nos queda, estar preto para esperar algún error pola súa parte”, declarou o preparador coruñés.
O Liceo procurará regresar ó triunfo con todo o plantel dispoñible: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Maxi Oruste, Fabri Ciocale, Marc Grau, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.
Un Mataró en crise
Este novo obstáculo na loita polo título terá o nome do CH Mataró, que actualmente pecha a clasificación da OK Liga. Unha situación moi diferente á que vivían no momento da súa visita ó Pazo dos Deportes, onde caeron por 2-0 (goles de Jordi Adroher e César Carballeira).
Nese momento, o conxunto de Albert Larrea chegaba cunha vitola de solidez e con escasos goles en contra a pesar de colleitar resultados mellorables. Actualmente é o máis superado de toda a competición con 87 dianas encaixadas, e por se fora pouco tamén é o que menos marca (34 goles, empatados cun Calafell que xogou tres partidos menos).
Tras 18 encontros, só lograron probar o sabor da vitoria nunha ocasión. A pesar diso, o Mataró afrontará o partido ante o Liceo despois de puntuar na difícil pista do Lloret. Un pequeno golpe de confianza para buscar a machada.