Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Unha primeira volta con 43 puntos de 45 posibles ten poucos adxectivos adecuados, pero queda por afrontar toda a segunda. De pouco servirá ceder un só empate nos primeiros 15 partidos da OK Liga se o traballo non é rematado. Esta parte final da tempada, tan importante como a inicial, comezará coa visita do Igualada (sábado 23, 17:30h, HOCKEY GLOBAL) a un Pazo dos Deportes que recibirá novamente a 250 afeccionados liceístas.
A folla de ruta de Juan Copa é clara. O único que cabe é “empezar a segunda volta igual que rematou a primeira: sumando tres puntos na casa”. Tamén defender o liderado que todavía retén o Deportivo Liceo.
Aínda así, e a pesar de vencer en Les Comes (0-4) no partido inaugural, este non será un choque sinxelo: “Haberá que ter coidado co sistema defensivo e coas contras do Igualada. Xogar con paciencia, tranquilidade e interpretando ben o partido”, declarou o técnico do Liceo. Os seus xogadores veñen, precisamente, dunha vitoria ante o Lleida (2-1) basada nestas premisas. Son capaces de logralo.
Un visitante perigoso
Tampouco debe ser motivo de engano a posición clasificatoria do Igualada, actual 12º con 13 puntos, xa que ó longo da OK Liga amosou a súa capacidade para poñer en problemas ós equipos da zona alta. Ademáis, nas súas casas. En novembro foi capaz de conquistar a pista de todo un Lleida (1-4) e poucas semanas despois rozou a fazaña ante o Barcelona (5-3) e o Caldes (5-4).
O equipo dirixido por Cesc Linares conta coas armas suficientes como para complicarlle a vida ó Deportivo Liceo. Viaxará a A Coruña comandado por homes como Bernat Yeste e Roger Bars, responsables de máis da metade dos goles do seu equipo (13 e 10).
Este importante encontro será retransmitido en directo e de forma gratuita por HOCKEY GLOBAL.