Imaxe: Iria Roma.
O camiño do Deportivo Liceo na OK Prata Feminina non se detén, xa que a xornada 3 da competición virá da man dunha viaxe a Bizkaia. Alí agardará o Gatikako Iusturi, rival co que se enfrontarán as verdibrancas o sábado 27 (18:30h). Chegarán como invictas tralas dúas datas iniciais, nas que colleitaron unha vitoria fronte ó CP Las Rozas (0-2) e un empate contra o CP Alcorcón (0-0). Actualmente, o Deportivo Liceo ocupa a segunda praza da clasificación.
Unha vez disputada esta terceira xornada de OK Prata, ó equipo liceísta agardaralle un mes de abril con tan só dous partidos. Despois do encontro contra o Gatikako Iusturi chegará un parón competitivo que rematará a fin de semana do 10. Nesas datas o Liceo recibirá ó UDC Rochapea para posteriormente vivir a súa xornada de descanso, froito da cantidade impar de equipos da competición. O hockey regresaría a fin de semana do 24, cun enfrontamento ante o Borbolla.
Pola súa parte, o Deportivo Liceo da OK Prata Masculina afronta outro parón competitivo que finalizará o día 10 de abril. Se as circunstancias sanitarias o permiten, nesa data enfrontarase ó HC Sant Just.