Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Os Premios Galicia Sport consideraron ó Deportivo Liceo como o Mellor Club Galego á Xestión Deportiva, ademáis de a Luchy Paz (capitá do Liceo de Senior Feminina) como Mellor Xogadora Galega de Hockey Patíns de 2020. O club quere agradecerlle a Galicia Sport este dobre recoñecemento.
A continuación, a entrevista realizada ó vicepresidente Emilio Fernández a principios do mes de xaneiro:
Emilio Fernández Fernández (A Coruña, 5/7/1969) é o vicepresidente do Deportivo Liceo desde que tomou o mando a nova xunta directiva en 2018, xunto a un grupo de bos amigos como son José Luis Huelves, Willy Duarte (símbolos do club e de toda unha época), Antón Baldomir, Suso Sánchez e Cristina Fernández. “Este premio, e quero recalcalo, é de todos: xogadores, corpo técnico, médicos, fisios, administrativos (Marilí e María), xunta directiva co noso presidente Daniel Echevarría á cabeza, patrocinadores e por suposto da afección e dos socios. Somos unha familia dunhas 50 persoas. Coñecémonos todas e traballamos xuntas polo amor e compromiso que temos con este club. O éxito, tanto deportivo como de xestión, é de todos”.
¿Na túa opinión, cal é a clave de que o club se manteña durante tantos anos como un dos referentes do deporte galego e nacional, tanto en resultados deportivos como na propia xestión?
Pois eu creo que o saber reinventarse, a tódolos niveis, e medrar ante a adversidade. Competimos nunhas determinadas condicións fronte ó resto de equipos polos desprazamentos e o esforzo económico. A realidade é que esta adversidade tamén nos fai máis fortes, máis unidos se cabe. Como dicía, o equipo non son só os 5 que saen á pista, senón que son os suplentes, o corpo técnico, a base, os adestradores e todos os que axudan, traballan e aportan algo ó Deportivo Liceo. Tódolos xogadores que chegan, arxentinos, cataláns, están encantados e adáptanse de maravilla rápidamente grazas ó esforzo de todos.
Desde a vosa chegada en 2018, con moito traballo por diante e moito por facer, ¿cal cres que é o balance da xestión?
Acortamos os prazos na nosa folla de ruta. Todos os proxectos que deseñamos estanse cumprindo, e iso a pesar da pandemia e a nova situación. Queríamos volver a ser relevantes na cidade e volver a chear o Pazo coa afección vibrando co seu equipo. Por desgraza, a COVID-19 paralizou todo porque o aforo é de tan só 250 persoas, pero temos agora mesmo 1.400 socios que a pesar de que saben que non poden acudir a Riazor, non quixeron deixar só ó club. Iso chámase amor, compromiso e fidelidade. Un soño que teño, por outra parte, é que nun ano ou dous esté listo o CARNET ÚNICO, co que se poderá acceder a ver as tres competicións: OK Liga, OK Prata e o Feminino, algo único en España.
Falabas de reinventarse e é de agradecer que contedes cuns patrocinadores tan bos e tan fieis.
Por suposto. Seguimos co convenio de colaboración, naming, co Deportivo e lucimos con orgullo a súa camiseta como segunda equipación, e contamos co apoio da Xunta, Concello, Deputación, Estrella Galicia, Hockey Global, Colexio Liceo e a empresa de rodamentos ISB. Apostan polo club e polo deporte e é de agradecer. A única empresa que por desgraza tivo que cancelar o seu patrocinio, e por motivos obvios, foi Vueling.
En canto ó tema deportivo, situación excelente. O primeiro equipo líder invicto e campión de inverno, e unha estrutura de cantera e formación que é un modelo.
Estamos entusiasmados co equipo. Os xogadores e Juan Copa e o seu corpo técnico fan un gran traballo. Aínda non gañamos nada pero seguimos intentando medrar. A estrutura está consolidada, desde os máis pequenos, e gustaríame destacar que as nenas cada día afecciónanse máis ó hockey. Un dato: algúns equipos de Benxamín están formados ó 100% por nenas. E por certo, outro asunto que me gustaría conseguir, que as xogadores de hockey estiveran equiparadas en tódolos sentidos cos chicos. Podo falar de Luchy, excelente xogadora e mellor persoa, e de todas as xogadoras que temos. Sería máis fácil se tiveran un referente, un espello no que mirarse. Desde o club queremos loitar por iso, aínda que sós non podemos.
O calendario deportivo estase vendo alterado pola pandemia, e tamén a competición europea.
Así é, o calendario inicial quedou reducido a unha competición que se disputará a mediados de abril entre 9 equipos, 5 portugueses e 4 de España. Divididos en tres grupos de tres equipos, os campións e o mellor subcampión disputarán as semifinais e a final. E no horizonte, estamos volcados na celebración da Copa do Rei no Pazo os días 10, 11, 12 e 13 de xuño.
En definitiva, Emilio, que o club é un modelo de xestión deportiva e estrutural, e que loitades cada día por seguir medrando en tódolos ámbitos. Por eso o premio é máis que merecido e iso que Pescados Rubén Burela ou Emevé Lugo, que competían polo galardón, están realizando unha labor espectacular no fútbol sala e o voleibol.
O premio é de todos, quero recalcalo, porque se a xestión é excelente pero o equipo non funciona, non serve. Se a xestión é boa pero a afección non apoia, o mesmo. E se a xestión é boa pero non temos patrocinadores, de nada serve. E así con todo, corpo médico, utilleros, a xente de oficina… Aquí todo o mundo aporta e todos teñen a recompensa de sentirse queridos e de pertencer a este gran club que é o Deportivo Liceo.