Tras cinco cursos no Benfica luso, Jordi Adroher i Mas (1984) únese á disciplina do Deportivo Liceo. O talentoso xogador catalán, que asina pola presente tempada, formará parte do plantel comandado por Juan Copa.
A traxectoria de Adroher fala por si mesma. Este atacante de excelente técnica, habitual do combinado español de hockey, debutou na OK Liga con tan só 15 anos. No seu primeiro encontro xa conseguiu anotar dous goles. A partir de aí comezou unha exitosa carreira que o levou a defender a numerosos clubes: SHUM Maçanet (formación), Club Hoquei Lloret (2002-2006), Club Patí Vic (2006-2009), FC Barcelona (2009-2011), Reus Deportiu (2011-2014), Hockey Breganze (2014-2015) e Benfica (2015-2020). Os seus goles como profesional cóntanse por centos, moitos deles de enorme factura.
Un palmarés ao alcance de poucos
O novo xogador do Deportivo Liceo tamén conta cun envidiable palmarés tanto cos clubes anteriormente mencionados como coa Selección Española: unha Copa do Rei, dúas Copas de Europa, unha OK Liga, unha Copa italiana, unha Liga portuguesa, unha Copa Intercontinental… Co combinado nacional, ademáis, alzou por dúas veces tanto o Campeonato do Mundo (2009, 2017) como o Campeonato de Europa (2010, 2018).
A incorporación de Jordi Adroher únese á de César Carballeira e á baixa de Bruno di Benedetto (Lleida). O plantel do Deportivo Liceo continúa traballando en vista á Copa do Rei que, se as circunstancias o permiten, se disputará en A Coruña do 17 ao 20 de setembro.