Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
O Deportivo Liceo e David ‘Dava’ Torres chegaron a un acordo para a renovación do capitán, que como mínimo vestirá a camiseta verdibranca ata o ano 2022. O clube asegúrase así a continuidade dun pilar imprescindible, clave tanto dentro da pista como fóra dela.
O dorsal 8 regresou ó Liceo no ano 2015 tras militar no pasado nas categorías inferiores do club. Entre medias, protagonizou sendos pasos por Cerceda (onde coincidiu con Juan Copa) e Vic (onde gañou unha Copa do Rei). Xa de novo na disciplina coruñesa, Dava logrou dúas Supercopas e varios subcampionatos de OK Liga.
A súa renovación únese ás de Jordi Adroher e Roberto Di Benedetto, que recentemente tamén ampliaron os seus contratos ata 2022. Este último, cunha opción para continuar ata 2023.