Dava Torres e César Carballeira, #Liceístas ata 2027

Dava Torres e César Carballeira, #Liceístas ata 2027

22 de decembro de 2023


Os coruñeses, pilares do equipo e da súa identidade, asinaron os seus contratos hoxe venres nas instalacións de Estrella Galicia.

O Deportivo Liceo, Dava Torres e César Carballeira continuarán da man, como mínimo, ata o ano 2027. Os dous capitáns do conxunto dirixido por Juan Copa, auténticos alicerces do club verdibranco, seguirán vestindo as cores do equipo da súa cidade.

Dava (1994) e César (1996), coruñeses e caras visibles da identidade 100% local do proxecto liceísta, asinaron este venres os seus novos contratos nas instalacións de Estrella Galicia, patrocinador principal do Deportivo Liceo. Fan así caso omiso a varias ofertas de gran importancia do mundo do hockey sobre patíns.

David Torres Pastoriza defende o verde e o branco de forma ininterrompida desde o ano 2015, tras destacar no Cerceda e no Club Patí Vic. Co Liceo ergueu unha OK Liga (2022), unha Copa do Rei (2021) e tres Supercopas de España (2016, 2018 e 2021). Actualmente é un dos máximos goleadores históricos da entidade.

Dava e Juan Copa posan ante a Copa do Rei lograda en 2021. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

César Carballeira Domínguez, ‘O Neno do Cole’, comezou a xogar ó hockey no Liceo La Paz e escalou por tódalas categorías inferiores do club. Non tardou en chegar ó primeiro equipo e destacar. Emigrou a Reus, onde xogou por dúas tempadas, antes de volver a enrolarse no Liceo. Na Coruña, como Dava, ergueu tódolos títulos nacionais sempre envolto na bandeira da súa terra.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Desde o Deportivo Liceo non podemos mostrar máis que agradecemento e orgullo ante a continuidade de ambos xogadores, perfectos representantes dos valores deste club.

Deixa un comentario