CRÓNICA | Remontada de mérito (2-4)

CRÓNICA | Remontada de mérito (2-4)

Nin as numerosas ausencias nin os marcadores adversos foron quen de superar a vontade do Deportivo Liceo. As xogadoras de Stanis García ofreceron unha exhibición de resiliencia e triunfaron fronte ó Voltregà na súa propia pista para sumar dez puntos, ademáis dunha cómoda estancia na metade da táboa.

A OK Liga Feminina ofrecía a súa primeira proba de 2022 e a dificultade non foi menor. As verdibrancas comezaron ben con dúas ocasións: unha de Lara Yáñez, con definición desviada tras unha gran xogada individual; e outra de María Sanjurjo que detivo unha acertada Uxue Otegi.

Golpeou primeiro Berta Tarrida para o Voltregà despois desta última oportunidade. Non amedrentou ó Liceo, capaz de empatar a catro minutos do descanso. Fíxoo Adriana Soto nun penalti cometido sobre ela mesma, aínda que Aina Arxé logrou o 2-1 tras un contraataque. Un directo na faciana.

Reacción perfecta

A resposta visitante foi proporcional á magnitude do gol. As verdibrancas regresaron ambiciosas e puxeron en problemas a Uxue Otegi, que aguantou ben as embestidas. Non foi menos Viki Caretta, protagonista doutro bo partido. Ela mesma detivo o hipotético 3-1 nunha falta directa lanzada por Paula Ferrón.

O 42 foi o minuto máxico. Adriana Soto anotou a súa segunda diana particular para empatar e, segundos despois, Cris Diz remontou a pase da propia arxentina. As locais, aturdidas, caeron na desesperación e encaixaron o 2-4 definitivo por mediación de Alba Garrote. Logrouno tras rematar unha moi boa xogada colectiva.

Un gran triunfo para comezar o novo ano. O segundo choque de 2022 pasará por recibir ó Sant Cugat no Pazo dos Deportes.

FICHA TÉCNICA

VOLTREGÀ: Uxue Otegi; Berta Tarrida, Aina Arxé, Paula Ferrón, Esther Vistós (quinteto inicial), Anna Bosch, Paula Vilamala, Mar Franci e Berta Ferrán.

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; María Sanjurjo, Alba Garrote, Lara Yáñez, Adriana Soto (quinteto inicial), Ale Martín e Cris Diz.

ÁRBITRO: Ignasi Galán García. Mostrou cartón azul a Berta Tarrida (Voltregà) e a Ale Martín (Deportivo Liceo).

GOLES: 1-0 (Berta Tarrida, min. 6). 1-1 (Adriana Soto, de penalti, min. 21). 2-1 (Aina Arxé, min. 24). 2-2 (Adriana Soto, min. 42). 2-3 (Cris Diz, min. 43). 2-4 (Alba Garrote, min. 49).

Xornada 9 da OK Liga Feminina 21/22. Municipal Oliveras de la Riva.

Deixa un comentario