CRÓNICA | Derrota en Vila-sana (2-0)

CRÓNICA | Derrota en Vila-sana (2-0)

O Deportivo Liceo viaxou ó Municipal de Vila-sana e atopou un muro de cemento. A segunda derrota consecutiva, trala sufrida contra o Igualada, chegou contra un candidato ó título que demostrou a súa condición na maioría de facetas do xogo. Foi efectivo diante e forte atrás para vencer e provocar que as verdibrancas permanezan como décimas clasificadas con dez puntos.

Poucas variacións houbo no guion do partido unha vez comezou. Xa non o fixo da forma ideal. Ós dous minutos, o conxunto local rozou o 1-0 nunha directa ben salvada por Viki Caretta (protagonista doutro bo partido). María Sanjurjo viu o cartón azul trala infracción.

As de Lluís Rodero apenas permitiron licencias ó Liceo cando este atacaba e aproveitárono. Co marcador a piques de chegar ós dez minutos, Victòria Porta batiu a meta liceísta tras unha xogada individual e permitiu ás súas compañeiras xogar con todavía máis confianza.

Intentos sen éxito

As xogadoras dirixidas por Stanis García subiron o nivel do seu atrevemento nos segundos 25 minutos, aínda que a defensa local continuou impoñéndose. As desgrazas aumentaron cando Alba Garrote, vítima dun bolazo na cella, tivo que abandonar o partido (afortunadamente, sen consecuencias maiores).

Alba Garrote abandonou a pista tras recibir un bolazo na cella

Viki continuou parando as acometidas catalás e ofrecendo máis oportunidades de empate ás verdes, que pouco a pouco penetraron no sólido muro que lles enfrontaba. O minuto 38 foi chave. María Sanjurjo rozou, literalmente, o 1-1 despois dunha definición desviada pola meta Laia Navarrete. Nesa mesma contra, Agudo sentenciou co 2-0.

En apenas catro días, ante o PHC Sant Cugat, o Deportivo Liceo terá outra oportunidade para recuperar a boa senda (sábado 5, 20:00h, Pazo dos Deportes).

FICHA TÉCNICA

VILA-SANA: Laia Navarrete; Vale Fernández, Maria Agudo, Florencia Felamini, Victòria Porta (quinteto inicial), Laura Barcons, Julieta Fernández, María Porta e Gaivéu Maria.

DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto (quinteto inicial), Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez e Lara Yáñez.

ÁRBITRO: Joel Albert Roig. Mostrou cartón azul á visitante María Sanjurjo.

GOLES: 1-0 (Victòria Porta, min. 9). 2-0 (Maria Agudo, min. 38).

Xornada 13 da OK Liga Feminina 21/22. Municipal de Vila-sana.

Deixa un comentario