Imaxe: RFEP.
Mérito colosal para acceder ás semifinais da Copa da Raíña 2022. O Deportivo Liceo de Stanis García sorprendeu a todo o mundo e eliminou ó poderoso Vila-sana, líder da OK Liga que puxo as cousas realmente complicadas ás verdibrancas. Só cedeu nos penaltis. Agarda desde xa o Palau, outra pedra de toque coa final en xogo (sábado 7, 11:00h).
Dez segundos tardou María Sanjurjo en adiantar ó Deportivo Liceo. Un abrir e pechar de ollos. Alba Garrote disparou e a dorsal 8 aproveitou o rexeite, aínda que un minuto despois vería un importante cartón azul.
María Sanjurjo, responsable dun hat trick, anotou ós dez segundos de partido
Tivo como resultado o empate do conxunto local, atado ó talento da goleadora Luchi Agudo. A súa falta directa foi detida por Viki Caretta antes de que, tal e como ocorreu no 0-1, materializara a segunda oportunidade.
Un inicio trepidante que foi a menos. Vila-sana e Liceo entraron entón nunha fase de máis tanteo que caeu do lado das xogadoras de Stanis García, intelixentes á hora de aproveitar os puntos fracos do seu rival. Adriana Soto, cunha xogada individual de gran calibre, venceu a Bento e colocou o 1-2 que chegaría ó descanso. Puido incluso chegar o terceiro mediante Lara Yáñez.
Parte para o Vila-sana
O Vila-sana reaccionou ó regresar e obrigou ó Liceo a aplicar un manual de resistencia. Ben levado a cabo, ademáis. Viki mantivo sen efectividade ás atacantes contrarias e María Sanjurjo, ó definir de xeito maxistral un pase de Bea Gaete, colocou o 1-3. O seu segundo da noite.
O Vila-sana empatou un 1-3 en menos dun minuto
Aínda así, as amarelas demostraron potencial e empataron instantáneamente durante o minuto 39. De novo tocaba manual de resistencia. Ese 3-3 campou ó final do tempo principal, así que o Onze de Setembre gozou dunha prórroga.
Decidiron os penaltis
Pareceu levalo o Deportivo Liceo a falta de escasa marxe cando María completou o seu triplete, pero un polémico penalti transformado por Flor Felamini (4-4) levou a acción ós penaltis. Foron de cor verdibranca despois doutra exhibición de Viki Caretta. A semifinais.
FICHA TÉCNICA
VILA-SANA: Sandra Bento; Vale Fernández, Luchi Agudo, Flor Felamini, Victoria Porta (quintetos iniciais), Laura Barcons, María Porta, Judit Ortega, Maria Gaivéu e Laia Navarrete (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; María Sanjurjo, Alba Garrote, Lara Yáñez, Adriana Soto (quintetos iniciais), Bea Gaete, Alejandra Martín, Luchy Paz, Lucía Yáñez e Mencía Mosquera (meta suplente).
ÁRBITRO: Erik Rivas Martín e Gemma Bravo Ponferrada. Amosaron cartón azul á liceísta María Sanjurjo.
GOLES: 0-1 (María Sanjurjo, min. 1). 1-1 (Luchi Agudo, min. 2). 1-2 (Adriana Soto, min. 16). 1-3 (María Sanjurjo, min. 32). 2-3 (Luchi Agudo, min. 39). 3-3 (Luchi Agudo, min. 39). 3-4 (María Sanjurjo, min. 57). 4-4 (Flor Felamini, de penalti, min. 58).
Copa da Raíña 2022, Cuartos de Final. Pavelló Municipal Onze de Setembre (Lleida).