CRÓNICA | Primeira derrota (4-2)

CRÓNICA | Primeira derrota (4-2)

Imaxe: Paola Pérez.

Chegou a primeira derrota. O Deportivo Liceo reviviu malas experiencias e caeu ante o CP Taradell (4-2), para perder provisionalmente o liderado da OK Liga por diferenza de goles.

Pouca confianza cabía nunha visita a El Pujoló, sobre todo tendo en conta o precedente da campaña 19/20. Foi o equipo de Ferran Moreno o que protagonizou a primeira oportunidade do partido, pero Carles Grau fixo honor á súa condición de porteiro menos batido da OK Liga. Aínda ten ese título. Reaccionou ben o Liceo, pois a partir deste achegamento rival comezou a facer dano.

Franco Platero atopou o 0-1 ós 8 minutos cunha excelente xogada individual. O gol estableceu o dominio xeral do equipo dirixido por Juan Copa na primeira parte, pero a diferenza escasa dun gol non permitiu falta algunha de concentración. Os verdes foron ó vestiario con vitoria parcial, pero aínda quedaba moito.

Remontada en contra

Espertou o Taradell, que regresou moito mellor do descanso. Xeroulle problemas ó Liceo durante os cinco primeiros minutos da reanudación, pero César Carballeira respondeu cun misil que firmou o 0-2. Non atemorizou ó conxunto local. Pouco despois, Víctor Crespo anotou (1-2) desde a zona de penalti e Marçal Casadevall enviou unha bóla ó ferro.

O Liceo tivo a oportunidade de ampliar distancias cunha falta directa que trouxo un cartón azul para Albert Benito, pero Dalmau evitou o gol de Adroher. Tocaba sufrir. O Taradell logrou sobrevivir á súa inferioridade numérica e unha vez superada empatou o partido. Fíxoo Dani Rodríguez cun gran gol. As malas novas continuaron, posto que Molera e Marc Soler ampliaron a vantaxe local a 4-1. Así rematou.

A primeira derrota da tempada precederá ó seu partido máis importante: a visita do Barcelona ó Pazo dos Deportes. Será o venres 5 de febreiro ás 19:30h.

FICHA TÉCNICA

CP TARADELL: Albert Dalmau, Edu Genís, Marçal Casadevall, Jacint Molera, Dani Rodríguez (quinteto inicial), Víctor Crespo, Albert Benito, Marc Soler e Xavi Soler.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Maxi Oruste (quinteto inicial), Jordi Adroher, Marc Grau e Fabri Ciocale.

GOLES: 0-1 (Franco Platero, min. 8). 0-2 (César Carballeira, min. 31). 1-2 (Víctor Crespo, de penalti, min. 33). 2-2 (Dani Rodríguez, min. 42). 3-2 (Jacint Molera, min. 45). 4-2 (Marc Soler, min. 47).

ÁRBITROS: Burgos Manotas e Pico Ramos. Mostraron cartón azul ó local Albert Benito.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 17 da OK Liga 20/21. El Pujoló, porta pechada.

Deixa un comentario