CRÓNICA OK LIGA | CAMPIÓNS (2-5)

CRÓNICA OK LIGA | CAMPIÓNS (2-5)

Oito veces campións. O Deportivo Liceo de Juan Copa tocou o ceo da OK Liga por primeira ocasión desde 2013 despois de derrotar ó Reus Deportiu. Logrouno ó completar tres encontros perfectos.

O último deles, celebrado no Palau d’Esports da localidade catalá, non foi menos pola dificultade do escenario.

Resiliencia

Obstáculo aparecido, obstáculo superado. Como durante todo o ano. O Liceo aguantou a motivación inicial do seu rival, agardou por oportunidades e repúxose en caso de erralas. Por exemplo, tras fallar un penalti no minuto 7.

Tamén ó recibir golpes a priori duros, como o bo tanto de Joan Salvat para o Reus. Un minuto tardou en responder. Segundos foron quen non só para empatar, senón para remontar. Marc Grau logrou o primeiro ó definir maxistralmente un man a man fronte a Ballart e Àlex Rodríguez, ex dos locais, completou o golpe cun disparo colosal.

O Deportivo Liceo remontou nun suspiro o gol inicial de Salvat

A partir dese intre tocou máis tranquilidade e o mesmo don da oportunidade. Para todo o demáis estaba Carles Grau, firme sempre que lle desafiaban Gelmà ou Marc Julià.

Segunda parte controlada

Firme tamén estivo o conxunto do equipo. A bóla non estaba no seu tellado. Xestionou os nervos do seu rival e ampliou distancias cun maxistral penalti de Dava Torres (1-3). Carles continuou a súa exhibición detendo unha directa de Julià, froito da décima infracción verdibranca, aínda que non puido facer nada no tanto posterior de Salvat.

Aínda así, tal e como ocorreu na primeira parte, o Liceo respondeu con rapidez. Jordi Adroher anotou a pase de Àlex Rodríguez, asistente tamén na diana definitiva de César. Final e campións.

FICHA TÉCNICA

REUS DEPORTIU: Càndid Ballart; Diego Rojas, Marc Julià, Sergi Aragonès, Checo Compagno (quinteto inicial), Joan Salvat, Ferran Giménez, Raúl Marín, David Gelmà e Martí Zapater (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Jordi Adroher, Dava Torres, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Àlex Rodríguez, Jordi Burgaya e Martín Garaboa (meta suplente).

ÁRBITROS: González González e Burgos Manotas. Mostraron cartón azul ó local Marc Julià.

GOLES: 1-0 (Joan Salvat, min. 9). 1-1 (Marc Grau, min. 10). 1-2 (Àlex Rodríguez, min. 10). 1-3 (Dava Torres de penalti, min. 33). 2-3 (Joan Salvat, min. 39). 2-4 (Jordi Adroher, min. 40). 2-5 (César Carballeira, min. 41).

OK Liga 21/22, Playoff polo título, Partido 3 das Finais. Palau d’Esports (Reus).

Deixa un comentario